O Estado reformará as axudas aos parados de longa duración

O Executivo español pactou esta medida coa Unión Europea.
Un mozo saíndo dunha oficina de emprego da Xunta da Galiza en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un mozo saíndo dunha oficina de emprego da Xunta da Galiza en Compostela (Foto: Nós Diario).

O Goberno do Estado español, despois de comprometerse coa Unión Europea no marco das medidas pactadas para recibir fondos comunitarios, estuda a realización dunha reforma das axudas ás persoas desempregadas por longa duración. En principio, non mudará nin o dereito para recibilas nin as cantidades, mais si cambiará o sistema de pagamento. Así, a reforma buscaría que ao principio a cantidade percibida sexa máis alta e que despois vaia descendendo, coa intención de animar a  busca de emprego.

Porén, o secretario de Estado de Emprego e Economía Social, Joaquín Pérez, asegurou que non hai "un modelo fechado" para a reforma dos subsidios na que traballa o Goberno en funcións, e "non necesariamente" para que sexan "decrecentes".

Pérez admitiu que esta será "unha das primeiras reformas" do novo Executivo (unha vez o socialista Pedro Sánchez sexa investido e conforme o seu novo Consello de Ministros e Ministras), coa que se pretende "mellorar os dereitos dos desempregados" e non "estigmatizar a ninguén".

O Ministerio "non traballa necesariamente nun modelo decrecente dos subsidios", mais si nunha reforma que "non estigmatice aos parados, nin considere que a xente cobra un subsidio de pouco máis de 400 euros porque non quere traballar, ou que se incorpora voluntariamente á economía mergullada para manter un subsidio", sinalou.

O secretario de Estado lembrou que "a reforma do nivel asistencial de desemprego é un dos compromisos" que foron adquiridos polo Executivo estatal co da UE. Neste sentido, respecto ás persoas desempregadas de longa duración, sinalou que "máis de 600 millóns de euros" de achega ás autonomías teñen que destinarse "obrigatoriamente" a "loitar contra o paro de longa duración", segundo o acordado na última conferencia sectorial de Emprego e Asuntos laborais.

Comentarios