O coronavirus dá visibilidade ao traballo esencial das empregadas do fogar

O colectivo das traballadoras do fogar carece de dereitos sociais pese a importancia do seu labor.
As traballadoras do fogar desempeñan un papel esencial moitas veces non recoñecido (Europa Press).
photo_camera As traballadoras do fogar desempeñan un papel esencial moitas veces non recoñecido (Europa Press).

Se para algo serviu a crise do coronavirus é para pór en valor o traballo que realizan centos de profesionais no país, pero tamén para facer visíbeis as duras condicións nas que as traballadoras desenvolven a súa ocupación. Un dos casos máis evidentes é o das empregadas do fogar, un colectivo que está a realizar un traballo considerado esencial, pero ao que a precariedade e a falta de dereitos converte nun dos máis golpeados polos efectos económicos da pandemia.

Precisamente, o feito de que sexa un traballo esencial imposibilita a solicitude de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), polo que a saída máis habitual por parte das empregadoras é dar de baixa as traballadoras. O problema é que a diferenza das demais asalariadas, este colectivo non ten acceso a dereitos sociais tan básicos como o paro, aínda que si obrigas na súa cotización. Levan anos reclamando equipararse ao resto de traballadoras, pero tivo que ser a COVID-19 a que puxera de manifesto as consecuencias desta situación.

Desde a CIG, Marga Corral denuncia tamén a desprotección destas empregadas, que desenvolven o seu labor baixo un réxime de "explotación e semiescravitude", e que en moitos dos casos "nin tan sequera están dadas de alta". 

Agora, coas medidas de confinamento, a súa realidade é, se cabe, máis complicada. "Non poden presentar denuncia ante a Inspección porque están fóra da negociación laboral", e aínda así expóñense todos os días a saír á rúa e a traballar sen os necesarios equipos de protección, critican desde a central sindical. "Dependen totalmente da boa fe das empregadoras".

Por sorte, as traballadoras do fogar contan con asociacións como Xiara, que está a facer un importante traballo de presión para defender os intereses deste colectivo que, como sinala a Nós Diario Teresa Rodríguez, a súa portavoz,  "segue a ser invisíbel". Ademais, existen multitude de casuísticas, "desde as familias que as poden seguir mantendo até as que directamente lle din á traballadora que non volva ao día seguinte, sen máis".

Neste senso, desde a asociación piden máis esforzos ao Goberno central, por exemplo "que exonere as familias empregadoras das cotas da Seguridade Social", unha situación que consideran "inxusta", e máis cando ás empresas se lles está a dar esta facilidade.

Desde Xiara tamén critican a ambigüidade á hora de determinar os servizos esenciais. Como apuntan, as autoridades poden parar unha traballadora ante a sospeita de que están a saltar o confinamento. Estas deberán presentar unha declaración que lles faga a súa empregadora "pero aí non especifica se é para coidado de persoas maiores, que entraría dentro dos supostos, ou só para limpeza, que non entraría", unha realidade que, como denuncian, "tampouco figura nos contratos". "Logo tamén depende de quen te pare e como a interprete", sinala Rodríguez. E despois están as internas, ou as que reconverten en tal polo coronavirus, as que, lembra, "teñen que compensar e pagar". 

Con todo, pensan que a axuda pode ser un "primeiro paso" esperanzador cara a unha verdadeira equiparación de dereitos das traballadoras do fogar.

Comentarios