O PP defende a xestión de DomusVi

A conselleira delegada de Domusvi, Josefina Fernández, recoñece que a compañía incumpre as ratios de persoal.
A conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández Miguélez, durante a súa comparecencia parlamentaria. Europa Press
photo_camera A conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández Miguélez, durante a súa comparecencia parlamentaria. (Foto: Europa Press)

A agardada comparecencia, na comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural da Galiza pola crise a causa da Covid-19, da conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández Miguélez, no Parlamento galego, serviu para confirmar o incumprimento das ratios de persoal esixidas pola lexislación nas residencias do primeiro operador da dependencia da Galiza. A unha pregunta da deputada do BNG, Olalla Rodil, a directiva de DomusVi recoñeceu que “a ratio de persoal é sagrada pero hai veces que pasamos varios días sen o persoal necesario”, na liña do denunciado polas actas dos servizos de inspección de Política Social e  recollido no informe do Consello de Contas de 2017.

A presenza de Fernández Miguélez no Parlamento da Galiza valeu para evidenciar a conivencia entre DomusVi e o Partido Popular. A executiva do sector das residencias cargou contra o Executivo do Estado sinalando que “tendo as alarmas do que acontecía na China, ninguén se adiantou”, as autoridades públicas “limitáronse a banalizar a alarma cualificándoa como unha especie de gripe” e “ninguén sabe  por que non se reforzou a atención aos maiores e aos traballadores da residencia”.

“Houbo comunidades autónomas que utilizaron a idade como criterio para excluír determinadas persoas da atención en UCI, Galiza non”, continuou Fernández Miguélez, quen afirmou que “Galiza fíxoo ben porque contou coa xente das residencias”.

"As relacións con Núñez Feixoo"

Os representantes do Partido Popular non dubidaron en saír en defensa de Fernández Miguélez e da xestión da dirección de DomusVi durante a pandemia. Mentres o voceiro do PP na comisión xustificou o alto número de mortes nos centros de maiores de DomusVi afirmando que “quen xestiona máis residencias está exposto a máis riscos”, o presidente da comisión parlamentaria e líder do PP coruñés, Diego Calvo, afeou ao portavoz socialista, Pablo Aranguena, algunhas das cuestións formuladas á comparecente.

Así, Fernández Miguélez deixou sen contestar as preguntas referidas “ás relacións con Núñez Feixoo”, “á presenza no comité ético da compañía da muller do presidente do parlamento, o señor Santalices, destacada militante do PP” ou “á cantidade de diñeiro público recibido por DomusVi da Xunta da Galiza”.

O modelo de xestión residencial centrou unha parte significativa das intervencións. Nesta liña, Fernández Miguélez apostou por “un modelo de concerto, de colaboración público-privado”, advertiu dos “riscos que correría o servizo nun réxime de sistema público ou público e privado puro”, sinalou que “a mellora dos servizos débese medir en base a un sistema de custos e non só de dereitos” e concluíu que avanzar a “un sistema público xeraría un caos”.

As palabras de Fernández Miguélez producíronse após certificarse na primeira vaga da pandemia, nun informe do Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), que “a probabilidade de morrer por Covid-19 nas residencias de xestión privada é 5,73 veces maior que nas públicas e a posibilidade de infección é 2,58 veces superior”.

A xestión de DomusVi durante a primeira vaga da pandemia está sendo investigada en diversos tribunais de xustiza do Estado como consecuencia da actuación da fiscalía ou das denuncias dos familiares das persoas usuarias falecidas nos seus centros. Ao tempo, véñense de abrir outra serie de procedementos arredor do seu conglomerado financeiro ao localizarse algunhas sociedades domiciliadas en diversos paraísos fiscais.

Comentarios