Educación

Docentes volven protestar contra uns horarios e ratios "inasumíbeis"

Educación insiste en "desenvolver o acordo" a partir do 1 de xaneiro.
Mobilización, esta terza feira en Vigo, convocada pola CIG-Ensino, STEG e CSIF. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización, esta terza feira en Vigo, convocada pola CIG-Ensino, STEG e CSIF. (Foto: Nós Diario)

Baixo o lema 'O profesorado non se vende', docentes da Galiza mobilizáronse esta terza feira na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra e Compostela desafiando a chuvia para reclamar melloras reais na súas condicións laborais. Nas sete cidades estiveron arroupados por membros da comunidade educativa; familias, alumnado e persoal administrativo de centros educativos.

As concentracións decorridas nesta terza feira nas sete grandes cidades da Galiza danlle continuidade ao "novembro de loita e mobilizacións" convocado pola CIG-Ensino co apoio de STEG e CSIF no ámbito educativo. Horarios, ratios, burocracia e retribucións centran a loita das docentes galegas, unhas reclamas "esquecidas" no acordo asinado por Educación, CCOO, ANPE e UXT o pasado 11 de outubro, "logo dunha negociación acelerada na que non se respectou a vontade maioritaria do profesorado galego". 

Unha "cadea de traballo sindical" desembocou en protestas en todas as escolas, institutos e centros de ensino o pasado 9 de novembro e continuará este domingo 19 cunha manifestación nacional polas rúas de Compostela. "Como ben se puido ver, o seguimento das protestas decorridas a semana pasada foi espectacular", valora para Nós Diario Suso Bermello, secretario xeral da CIG-Ensino, destacando os obstáculos que teñen que esquivar para sacalas adiante, como os "máis de mil centros de traballo que ten a Consellaría de Educación" ou  "as mentiras e falsidades espalladas por algúns medios de comunicación que fan de altofalantes dos sindicatos".

"O que atopamos nos centros é moito persoal cun profundo malestar, evidentemente hai un rexeitamento moi importante do acordo. Existe polo tanto un caldo de cultivo para mobilizarse que soubemos detectar e estamos impulsando", declara Bermello. Así o demostran as concentracións decorridas nesta terza e, se non hai resposta por parte da Xunta da Galiza a reabrir as negociacións –e todo semella indicar que así será–, o profesorado galego rematará o mes de novembro cunha nova xornada de folga a terza feira, día 28.

Unhas mobilizacións que buscan por unha parte, "evitar que a sinatura deste acorde fique no esquecemento", e, por outra, "recuperar os dereitos que nos foron arrebatados abrindo novas vías de negociación colectiva"

Un acordo "histórico" 

Preguntado ao respecto das mobilizacións que o profesorado está a levar a cabo, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reivindicou esta terza feira nunha visita a un IES o "acordo histórico" asinado con tres dos catro sindicatos con representación na mesa sectorial docente non universitaria. Rodríguez avogou por que o pacto se desenvolva a partir do 1 de xaneiro de 2024.

"É un acordo tremendamente positivo que en certa medida tamén nos serve para anticiparnos ao futuro no sentido de que planificamos cunhas ratios inferiores ás que marca a lei estatal, cunhas ratios que posibilitan manter a estrutura do sistema educativo, a planta territorial do sistema e manter o cadro de profesorado", explicou. Pese ás protestas decorridas este mes, o conselleiro de Educación insistiu en que hai que "desenvolver" o acordo.

Comentarios