8-M

Menos contratos indefinidos, máis temporais e a tempo parcial: todas as cifras da desigualdade no mercado laboral

Nesta semana marcada polo 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, os sindicatos trasladan á sociedade a realidade laboral que implica a desigualdade. Desde a contratación até a importancia dos coidados, pasando polo tipo de xornadas, as cifras son elocuentes. Menos contratos indefinidos (-11,7%) e máis a tempo parcial (-25,3%) son algunhas das diferenzas coa situación laboral dos homes.
Concentración de traballadoras da limpeza o pasado mes de outubro na cidade de Lugo para reclamar un "convenio digno". (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración de traballadoras da limpeza o pasado mes de outubro na cidade de Lugo para reclamar un "convenio digno". (Foto: Nós Diario)

Nun novo 8-M, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, os datos volven confirmar a situación máis precaria das mulleres fronte á dos homes no ámbito laboral. Alén de aspectos salariais, os sectores de traballo e as súas particularidades xunto ao tipo de contrato e a incidencia dos coidados actúan de maneira negativa no traballo das mulleres. Segundo o informe sobre a Situación laboral das mulleres en Galiza, presentado a pasada semana pola CIG, medrou o seu número de altas nos tres últimos anos (+3,6%) en relación aos homes (+2,1%) situando, de media, en 523.878 traballadoras  en decembro de 2023.

Porén, o sector onde están mais presentes as mulleres é no de servizos. Nel traballan, nalgunha das súas ramas, 85,5% fronte a 59,7% de homes. Para a CIG, neste sector non só se ocuparon todas as novas mulleres que se incorporaron a traballar durante 2023, senón que recolleu o descenso do resto dos sectores. A responsábel da Secretaría das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, en declaracións a Nós Diario, entende que "canto máis feminizado está un sector, peor son as condicións de traballo, sobre todo en salario e tipo de xornada".

UXT e CCOO coinciden tamén en sinalar esta presenza no sector. Na presentación na terza feira de estudos propios, Trinidad Campos, secretaria de Igualdade de UXT, valoraba, neste tema, que as mulleres “seguimos sufrindo segregación horizontal e vertical, co foco central nos Servizos” e Mamen Sabio, secretaria de Muller e Igualdade de CCOO, subliñaba "a importancia dos plans de igualdade" para corrixir os desequilibrios existentes nas empresas.

A taxa de temporalidade das mulleres é de 29,9%; a dos homes, de 18,2%

Desigualdade na contratación

A maioría das mulleres afiliadas á Seguridade Social (SS) están encadradas no réxime xeral (78,5%), cunha maior presenza no réxime de empregadas do fogar (97,6%). Entre as singularidades que amosan unha maior precariedade no ámbito laboral das mulleres en relación aos homes está a comparanza nos tipos de contrato e a xornada que estes implican. Neste sentido, en 2023, un 70,1% das mulleres tiñan un contrato indefinido (sumando todos os tipos de xornada), fronte a 81,8% dos homes. Son 11,7 puntos de diferenza cando en 2021 era de 9,7 puntos.

Desta maneira a taxa de temporalidade das mulleres afiliadas á SS é de 29,9%, cando a dos homes é de 18,2%. Tendo en conta só os indefinidos a tempo completo, unicamente 45,3% das mulleres dadas de alta no réxime xeral tiñan este tipo de contrato en 2023, fronte a 70,6% dos homes, ou sexa, 25,3 puntos de diferenza. A diferenza, en 2021, era de 21,3 puntos. "A contratación a tempo parcial é un trazo característico da que teñen as mulleres e os sectores máis precarizados", indica Castro, "e non sempre é por que queiran, senón por non contar con esa posibilidade", sentencia.

“A parcialidade e a temporalidade seguen a ter rostro de muller”, afirma Trinidad Campos, que engade como problema que a “taxa de paro de longa duración está por riba de 50% con respecto ao homes”, algo que entende “non é consecuencia da falta de formación”.  

Xornadas parciais

Durante 2023 continuou incrementándose a poboación asalariada a xornada parcial. Aínda que é certo que aumentaron en maior medida as asalariadas e os asalariados a tempo completo, a xornada parcial continúa sendo unha característica do emprego feminino. Durante 2023, até 22,6% das mulleres asalariadas tiveron xornada a tempo parcial; no caso dos homes esa porcentaxe foi de só 7,3%. A xornada parcial continúa sendo unha xornada feminizada.

87% das excedencias por coidado de crianzas foron solicitadas por mulleres

O efecto dos coidados

No caso das mulleres, o segundo motivo que alegan para teren xornada a tempo parcial é o coidado de persoas dependentes, razón que declara 20,1% delas. Pola contra, só 5,6% dos homes manifestan esta razón. Ademais, os datos publicados polo Instituto das Mulleres, na publicación Mulleres en cifras, corroboran o anterior, ao cuantificar que, das persoas que na Galiza durante 2022 estiveron en excedencia por coidado de fillos e fillas, 87,10% foron mulleres. No caso de coidado de familiares, a porcentaxe de mulleres foi de 73,5%.

Sabio congratúlase “dos novos permisos para conciliación, que nós preferimos dicir corresponsabilidade, mais segue a ser un problema estrutural que ataca o emprego das mulleres”. Considera que “a correspondabilidade non é só nos fogares, tamén é nas empresas e na Administración pública”. “A maioría non buscamos emprego polo coidado das nosas familias”, recoñece Trinidad Campos. Neste sentido achega outro dato significativo que indica unha maior presenza nos coidados: 74% da garda legal de menores na Galiza está solicitada por mulleres”.

Só hai mulleres en 33% dos postos directivos das empresas galegas

Na Galiza, só 33% dos postos que forman parte dos equipos directivos das compañías galegas públicas e privadas contan con mulleres. Esta porcentaxe, a mesma que tiña o ano pasado, sitúase exactamente na media da Unión Europea (UE). Así o recolle o informe Women in Business 2023 que publica anualmente Grant Thornton, e que inclúe compañías cotizadas e non cotizadas de entre 50 e 1.000 persoas empregadas a nivel europeo e mundial.

A Galiza presenta unha redución de tres puntos na proporción de mulleres directivas con respecto ao ano pasado, marca a media comunitaria e continúa por baixo da media a nivel estatal (38%) e por riba a nivel mundial (32%). En opinión da UXT, habería que diferenciar os postos de dirección. “Só 1,6% dos postos realmente de dirección están ocupados por mulleres”, asegura Trinidad Campos.

Aliás, só 26,1% das empresas na Galiza chegan ao 40% de representación feminina nos seus consellos de administración, segundo o Estudo sobre presenza das mulleres na empresa española realizado por Informa D&B e divulgado esta quinta feira. Esta porcentaxe de sociedades que cumpren o estabelecido pola Lei de Igualdade non variou significativamente respecto ao ano anterior, cando era de 26,6%, e fica 1,7 puntos por encima da media estatal (24,4%).

Comentarios