8-M

O teito de cristal que non rompe: só unha de cada catro empresas ten, polo menos, 40% de mulleres nos consellos de administración

A taxa de presenza feminina nos consellos de administración é na Galiza de pouco máis de 26%, mentres a nivel estatal segue sen superar o 25%.
muller empresa (Foto: Nós Diario)
photo_camera Esta porcentaxe de sociedades que cumpren o estabelecido na Lei de igualdade non variou significativamente respecto ao ano anterior. (Foto: Nós Diario)

Só o unha de cada catro empresas da Galiza (26,13%) chegan ao 40% de representación feminina nos seus consellos de administración, segundo o Estudo sobre Presenza das mulleres na empresa española realizado por Informa D&B. Esta porcentaxe de sociedades que cumpren o estabelecido na Lei de igualdade non variou significativamente respecto ao ano anterior, cando era de 26,6%, e queda, con todo, 1,7 puntos por riba da media estatal, que é de 24,4%.

Por outra parte, as mulleres representan o 8,5% das persoas ocupadas no sector da construción na Galiza, o que representa un aumento de 4,4% respecto a 2022, con 271 traballadoras máis. Hoxe en día traballan neste sector un total de 6.487 mulleres galegas, que supoñen o 5,4% do total de mulleres ocupadas no país. Así o indica o informe Mulleres no sector da construción 2023, recentemente publicado polo Observatorio Industrial da Construción, dependente da Fundación Laboral da Construción.

Baixa presenza feminina nos altos cargos das empresas

De novo sobre o informe de presenza das mulleres nos consellos de administración, ningunha comunidade autónoma chega ao 30% de empresas que alcance un 40% de representación feminina. Canarias é a máis cumpridora, cun 26,6%, e outras cinco comunidades alcanzan ou superan o 24,4% —Asturias, Cantabria, Galiza, Catalunya e Madrid—.

Segundo Informa, a porcentaxe de empresas radicadas no Estado español que conta con polo menos un 40% de representación feminina nos seus consellos de administración queda perto do 25%.

Esta porcentaxe de sociedades que cumpre o estabelecido pola lei mantense estábel nos últimos anos, e a porcentaxe baixa ao 14% entre as sociedades obrigadas, aínda que aumentou en 2,78 puntos porcentuais desde o ano 2013, cando se fixo por primeira vez este estudo. Entre as empresas obrigadas a presentar o Plan de Igualdade a subida foi maior (+4,81 puntos porcentuais), aínda que a porcentaxe de cumprimento tamén queda en 14%.

Aliás, a taxa de presenza feminina nos consellos de administración das empresas a nivel estatal segue sen superar o 25%, aínda que no caso das do Ibex-35 as cadeiras de mulleres nos consellos incrementáronse notabelmente, pasando de 17 en 2005, pouco máis do 3%, a 160 en 2022, case un 38%.

Comentarios