Desarticulada en Compostela unha organización que explotaba laboralmente repartidores: "Traballaban 15 horas ao dia"

Tal como informou a policía, a investigación comezou o pasado mes de agosto na comisaría compostelá, cando se levantaron sospeitas sobre unha posíbel organización que explotaba laboralmente estranxeiros que empregaban como repartidores.
Un repartidor nunha imaxe de arquivo (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera Un repartidor nunha imaxe de arquivo (Foto: Carlos Luján / Europa Press).

A policía nacional detivo catro persoas, tres delas en Santiago de Compostela e unha en Guadalaxara (Castela A-Mancha), tras desarticular unha organización criminal dedicada á explotación laboral de cidadáns estranxeiros en empresas de repartición de paquetaría.

Tal como informou o corpo de policía, a investigación comezou o pasado mes de agosto na comisaría compostelá, cando se levantaron sospeitas sobre unha posíbel organización que explotaba laboralmente estranxeiros que empregaban como repartidores.

O 'Modus Operandi'

Así, púidose comprobar que este grupo organizado captaba estas persoas, no seu maior parte colombianas, a través de redes sociais. O modus operandi consistía en captar ás vítimas ofertándolles un emprego.

"Moitas das vítimas eran captadas facilmente debido á precariedade das súas circunstancias familiares e económicas, vendo nesta oferta unha grande oportunidade de poder axudar as súas familias. Pero a realidade era outra, unha das vítimas tras a súa chegada a Santiago foi captada pola organización e obrigada a traballar nunha empresa de repartición de paquetaría sen ningún tipo de contrato e sendo explotada laboralmente con xornadas laborais abusivas de entre 12 e 15 horas diarias", explica a policía.

A situación agravábase máis cando eran penalizados, alegando non realizar un determinado número de entregas diarias ou por causar danos ao vehículo utilizado, os cales na maioría dos casos eran coches "antigos e moi danados". Estas escusas eran utilizadas pola organización para non pagarlles nada. "A desesperación e o temor a un empeoramento das súas condicións, unido a unha estancia irregular, fixeron que soportasen durante tempo esa situación de explotación laboral", engaden os axentes.

Tras a "complexa" investigación, púidose identificar e deter catro persoas que operaban en todo o territorio estatal e que se dedicaban á explotación laboral de cidadáns estranxeiros. Tamén se identificaron 18 vítimas.

Os tres detidos en Santiago foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución número 3 desta cidade, decretando o seu ingreso en prisión.

Ademais das detencións, realizáronse inspeccións en dúas naves de almacén e repartición, unha en Santiago e outra en Ourense. A operación non se dá por finalizada, continuándose coas investigacións para a localización de máis vítimas e doutras persoas implicadas nos feitos.

Comentarios