Representantes das traballadoras e dos traballadores da central de Endesa nas Pontes denuncian nun comunicado que a Empresa "está a acelerar" todo o "proceso de recolocación de persoal" no que a "inmensa maioría" das prazas vacantes (o comité di que "máis de 90%") están "fóra" da Galiza.
Neste sentido, acusan a Endesa de "vender" unha intención de manter o emprego na contorna das Pontes "que non é real" pois "por unha banda" o plan eólico que prevé poñer en marcha "non é viábel" até 2024 por "problemas lóxicos de tempos de adxudicacións e instalacións".
Por outro lado, afirman que "o tan ben vendido" programa ‘Futur-E', que consiste na apertura de novas industrias nas localizacións que prevé cerrar, "nin sequera está iniciado" cando noutros lugares con clausuras autorizadas "xa se está poñendo en marcha".
Por todo iso, o comité de empresa sostén que "se a decisión de fechamento se materializa en xuño de 2021 non hai ningún tipo de alternativa de traballo na zona nin para persoal propio nin para o das auxiliares".
Lamentan a situación de "incerteza total" na que se atopa o cadro de persoal mentres a dirección "aproveita" a realización de probas de biocombustíbeis "para non aclarar nada" e o proceso de recolocacións "segue en marcha".