Os datos constatan a crise no marisqueo a pé: a Galiza perdeu 752 permisos desde 2009

A crise que atravesa o marisqueo na Galiza, cun devalo produtivo moi intenso na recollida de berberecho e das diferentes especies de ameixa, está a facerse notar tamén na cantidade de licenzas de actividade no sector, as cales se reduciron 17,6% desde o ano 2009. Tres de cada catro profesionais que se dedican ao sector son mulleres.
Mariscadoras da confraría de Noia extraendo bivalvo (Foto: Pedro G. Losada).
photo_camera Mariscadoras da confraría de Noia extraendo bivalvo (Foto: Pedro G. Losada).

Un total de 3.529 persoas contaban cun permiso de marisqueo a pé na Galiza en 2023, o que supón 752 menos (-17,6%) que as 4.281 licenzas de explotación desta tipoloxía que se rexistraban en 2009, ano no que comezou o ciclo de Gobernos do PP na Xunta da Galiza.

Tan só nun ano, os permisos de marisqueo a pé descenderon na Galiza en 85 licenzas de actividade, o que supón unha caída de 2,4% nas persoas empregadas no sector con respecto ao exercicio anterior.

Desta maneira, a perda de persoal (contando tamén coas agrupacións, as cooperativas, as asociacións e as organizacións de produtores de pesca) dedicado ao marisqueo a pé desde 2009 foi de 303 profesionais (-16,5%) no ámbito da Federación de Confrarías da Coruña, de 403 na federación de Pontevedra (-17,1%) e de 46 no caso da de Lugo (-58,2%).

Tendo en conta só o último ano, a caída de licenzas foi de 93 no ámbito de Pontevedra (-4,5%), ficando o número nun total de 1.957, e de tres no de Lugo (-8,3%), con 33 licenzas en 2023. Na Coruña, pola súa parte, recuperáronse 11 permisos de marisqueo a pé (+0,7%) alcanzando os 1.539.

Só dúas confrarías superan os 300 permisos

Tan só dúas confrarías de pescadores da Galiza superaron o limiar dos 200 permisos de marisqueo a pé en 2023. Foron a de Noia, que lidera claramente a táboa con 389 licenzas, e a do Grove, con 331. Séguenas a de Pontevedra (240), a de Cambados (221), así como a de Vilanova (220). 

Porén, as dúas confrarías que teñen un maior número de permisos experimentaron unha mingua das licenzas desde o ano 2009. No caso de Noia pasando de 435 a 389 (-10,6%) e no do Grove baixando de 461 profesionais a 331 (-28,2%).

Destaca tamén a caída dos permisos na organización de produtores de pesca (OPP) da Illa de Arousa, que tiña 326 profesionais con licenza en 2009, mentres que en 2023 situouse por baixo do limiar de 200 (194), até 40,5% menos.

Outros descensos rechamantes entre 2009 e 2023 foron os das confrarías da Coruña (de 131 a 52 permisos de marisqueo a pé), da Pobra do Caramiñal (de 138 a 87), do Vicedo (de 31 a seis), de Baiona (de 90 a 36), de Moaña (de 123 a 59) e de Redondela (de 176 a 87).

Introdución dos homes

O sector do marisqueo a pé sempre foi un sector moi feminizado, e ségueo sendo, aínda que moito menos que anos atrás. Neste caso os últimos datos corresponden co ano 2022 e a serie histórica comeza en 2011. Durante o período, os homes con licenza para o marisqueo a pé pasaron de 407 a 912, e de supor 10,3% a 25,2%.

Pola contra, a cantidade de mulleres que se dedican ao marisqueo a pé minguou moito entre 2011 e 2022, pasando de 3.563 a un total de 2.702, até 861 menos, o que supón unha caída de 24,2%. Aínda así, tres de catro profesionais que se dedican a este sector eran mulleres no último exercicio para o que ofrecen os datos desagregados en función do xénero.

Comentarios