CUT, SLG e SF Intersindical convocan greve feminista de 24 horas para o 8 de marzo en Galiza

Vigo GZ contrainfo feminismo
photo_camera Mobilización feminista en Vigo. Imaxe: GZ Contrainfo

As secretarías das mulleres da CUT e do Sindicato Labrego Galego (SLG) canda o Sindicato Ferroviario Intersindical, e co apoio do Sindicato da Elevación de Galiza, rexistrarán en conxunto o preaviso de greve laboral de 24 horas de duración convocada para o 8 de marzo en Galiza. Os tres sindicatos farán entrega deste preaviso perante a Consellería do Traballo da Xunta e a Confederación de Empresarios de Galiza.

As centrais sindicais coinciden en sinalar que con este paso queren recoller o desexo expresado polo movemento feminista de realizar un paro laboral que perdure toda a xornada do 8 de marzo que, ao mesmo tempo, estará acompañada dunha greve de coidados e de consumo.

“As violencias que atravesan ás mulleres polo mero feito de selo deixan as súas marcas en todos os ámbitos da vida, incluídos os propios corpos. Como sindicatos, sabemos que sen mulleres o traballo produtivo e reprodutivo colapsaría e, pese iso, sofren agresións nos seus centros de traballo que van desde a discriminación salarial ao acoso laboral e sexual”, indican nun comunicado.

A nula vontade da patronal e da administración por eliminar estas violencias contra as mulleres é insultante, afirman. Por iso, as centrais sindicais chaman a todas as traballadoras “a secundar esta greve feminista xeral e legal de 24 horas en todos os sectores e centros de traballo de Galiza”. 

Comentarios