CUT: “A folga xeral é unha necesidade e unha urxencia obvia”

A Central Unitaria de Traballadores pide unha reunión coa CIG -a central que tomou a iniciativa e convocou greve xeral para o 19X- para tratar a necesidade da “unidade sindical” na convocatoria do paro.

Mobilización da CUT
photo_camera Mobilización da CUT

O Secretariado Nacional da CUT propón unha xuntanza coa CIG para trasladarlle as súas consideracións sobre a convocatoria de greve xeral, e que fai públicas a través dun comunicado. Así, a CUT parte de que  “a Folga Xeral é unha necesidade e unha urxencia obvia ante un contexto de recorte de dereitos sociais, económicos, civís e políticos para o conxunto do pobo traballador. Pero tamén é unha ferramenta de transformación social. Non caben convocatorias intempestivas, inútiles, propagandísticas ou  mesmo electoralistas que sirvan a fins alleos aos intereses do conxunto das traballadoras e traballadores de Galiza”.  Considera que “unha folga mal convocada ou mal enfocada pode supoñer un retroceso histórico (…) é a desafección pola convocatoria pero tamén polo propio movemento sindical.

Se ben este sindicato considera que CCOO e UXT son “tamén responsables e xestoras cómplices da actual”, apela a conseguir que se sumen á convocatoria para que esta sexa masiva [no entanto, as centrais de ámbito estatal xa deixaron claro que non van secundar a greve]. CUT tamén advirte que “non imos permitir que se cuestione a utilidade dunha folga en chave nacional galega”, en clara alusión ás manifestacións do secretario xeral da UXT, cuxo secretario xeral, José Antonio Gómez, cuestionou a eficacia dunha folga de ámbito exclusivamente galego.

Para a CUT, “ só existe unha opción de levar cara adiante esta convocatoria con garantías: a unidade sindical de todas as forzas que se sumen á convocatoria”. De aí que aposte en “unha gran mobilización social que pase polo deseño dun programa de mobilizacións baixo o principio da unidade sindical e a igualdade entre centrais sindicais, asembleas en unidade sindical nos centros de traballo, mobilizacións previas conxuntas, a formulación de piquetes e accións de todas as centrais convocantes e tamén a convocatoria de mobilizacións unitarias e en pé de igualdade entre todas as participantes”.

Comentarios