CSIF acusa o Consorcio de Bombeiros de Lugo de "persecución" a un integrante do comité de folga

O traballador denunciou a falta de capacitación dun efectivo de reforzo

Carga policial contra os bombeiros hai unha semana en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Carga policial contra os bombeiros en Lugo, nunha foto de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) acusa o Consorcio de Bombeiros de Lugo de "presumíbel persecución" a un bombeiro do parque de Vilalba (comarca da Terra Chá) tras abrirlle un expediente informativo que podería derivar en expediente disciplinario, segundo sostén, por trasladar en días pasados a incidencia cun efectivo que non contaba coa capacitación e idoneidade para o desempeño das súas funcións.

Nun comunicado, CSIF risca de "absurdo" que o Consorcio "decida amoestar un traballador por cumprir coa súa responsabilidade e advertir da falta de efectivos coa preparación necesaria para facer fronte a calquera emerxencia, en aras de garantir a seguridade tanto dos demais membros do servizo como da cidadanía".

O sindicato defende que o traballador actuou con dilixencia e responsabilidade, polo que entende que detrás da resposta do Consorcio "pode haber motivos que nada teñen que ver cunha falta pola súa banda, senón cunha posíbel represalia debido ao conflito que enfronta nestes momentos Xerencia e bombeiros, en folga desde o pasado mes de xuño".

E é que esta persoa é delegado sindical desta CSIF, integrante do comité de empresa e actualmente membro do comité de folga. Ademais, o día dos feitos, exercía de xefe de quenda no parque de Vilalba.

Falta de capacitación do persoal

Segundo relata nas alegacións presentadas ao expediente informativo, o profesional comunicou a falta de preparación da persoa enviada de apoio ao parque despois de falar con ela e esta "recoñecer que descoñecía e non sabía manexar o vehículo de altura (ABA) con brazo articulado e cesta; que non sabía conducilo nin estabilizalo nin estar capacitada para subir á cesta para traballos en altura".

A deficiencia comunicada tiña dous precedentes de días anteriores, xa que outros dous xefes de parque trasladaron a mesma queixa respecto á falta de preparación desta persoa ao Consorcio, explica CSIF.

Tras recibir a comunicación, o Consorcio procedeu a enviar outra persoa de reforzo, polo que para CSIF resulta "aínda máis inxustificada a posterior apertura dun expediente informativo como advertencia dunha posíbel e futura responsabilidade na súa denuncia", "cando o realmente reprochábel sería o contrario: o non pór en coñecemento dos organizadores do servizo a circunstancia mencionada de falta de capacitación do persoal".

Comentarios