A CRTVG vota o novo convenio colectivo

O cadro de persoal da CRTVG vota en referendo o pre-acordo asinado por todas as organizacións sindicais agás a CUT.

San Marcos
photo_camera San Marcos

Esta quinta feira (12 de marzo) as traballadoras e traballadores da radio e televisión públicas de Galiza decidirán se continúan adiante co pre-acordo alcanzado entre as organizacións sindicais (CIG-UGT-USO) --agás a CUT-- e a dirección das empresas que integran a CRTVG ou se pola contra rexeitan as condicións do novo convenio colectivo. 

As votacións decorren desde as 10:00 a.m e rematarán por volta das 18:30h. Riba da mesa, un novo marco de relacións laborais que introduce mudanzas a respeito das condicións anteriores. 

Desde a Confederación Intersindical Galega (CIG), Santiago Alvite, enmarca o pre-acordo no "recorte" da "capacidade de negociación colectiva" que supuxo a reforma laboral de 2012. "Estabelece medidas moi lesivas para os traballadores" contra as que "non podemos facer nada", afirma.

Porén, desde a Central Unitaria de Traballadores (CUT) tildan de "innecesario" e "lesivo" o pre-acordo polo que rexeitan a súa sinatura. 

Cales son as principais mudanzas?

O texto que se somete a votación esta quinta feira fixa, entre outras cuestións, unha redución do 5% de todos os complementos salariais; fixación dun sistema de retribución por trienios; será obrigatorio traballar durante os 3 primeiros festivos obtendo unha compensación de 2 horas por hora traballada; redúcense as vacacións de 23 a 22 días que deberán ser aplicadas por semanas completas; redución dos tempos de xantar e cea pasando de 45' a 40 minutos que, aliás, deberán ter lugar no interior das propias instalacións; desaparición das axudas para comedor, do servizo de autobús e da axuda por estudos. 

Será obrigatorio traballar durante os 3 primeiros festivos obtendo unha compensación de 2 horas por hora traballada, aliás, redúcense as vacacións de 23 a 22 días

Tamén mudarán as licenzas por doenza dunha familiar ou enfermidade grave pasando de 5 días naturais --8 de se tratar fóra do municipio-- a 3 días hábiles, cinco de se atopar fóra do concello. No entanto, gañarán en permisos por crianza, embora non contaren con servizo de gardaría nos centros de traballo. 

Desde a CIG salientan que algunhas das cuestións recollidas no pre-acordo "melloran as condicións" a respeito daquelas coas que contan outr@s empregad@s da administración pública. Porén, desde a CUT decidiron abandonar a mesa de negociación --após iniciarse-- por entenderen que unha das cuestións que non se recollen no pre-acordo e que a central sindical propuña, impedíalles apoiar o novo convenio. 

Concursos de traslados

O obxecto da disputa foi a "negativa da empresa a incorporar os compromisos concretos propostos" referidos ao futuro do persoal indefinido das distintas delegacións da CRTVG. No concreto, a incorporación de medidas adicionais e transitorias que "impedirían cesar a custe cero o persoal indefinido através dos concursos de traslados ou calquera outro procedemento de provisión de vacantes" recolléndose no acordo "o dereito a concursar a unha praza, segundo os procedementos" fixados pola lexislación vixente e que "mesmo contempla a posibilidade de desenvolveren procesos extraordinarios de consolidación para determinados supostos". 

As votacións decorren marcadas polo descontento entre o cadro de persoal que se ve atinxido pola conxelación salarial desde 2010

As demais centrais sindicais con representación na mesa de negociación sinalan que esta cuestión está suxeita ao determinado polo Tribunal Supremo nunha sentenza e pola que se impedirían estes procedementos. 

As votacións decorren marcadas polo descontento entre o cadro de persoal que se ve atinxido pola conxelación salarial desde 2010, unha taxa de reposición cero e un incremento da xornada laboral --a 37 horas e media semanais. 

De non ser apoiado polo conxunto das traballadoras e traballadores que participan no referendo o escenario que se abre é incerto logo de que se suprimise a ultra-actividade coa aplicación da reforma laboral. Este feito fixaría o convenio estatal. 

Todas as forzas sindicais aseguraron someterse á decisión do cadro de persoal e ao resultado das votacións. Desde a CUT, din que tamén se reservan o dereito de "emprender as accións legais que considere oportunas contra calquera artigo que puider vulnerar a lexislación e a xurisprudencia vixentes". 

Comentarios