CIG denuncia que Cortizo despide todo o persoal de Caxizo e fecha o Centro Especial de Emprego

“A empresa presentou un ERE ao descubrirse a fraude á Seguridade Social e ao persoal” afirma o sindicato

cof
photo_camera Imaxe de arquivo dunha visita de representantes da Xunta a Caxizo (Xunta)

O pasado ano Inspección de Traballo detectou que Caxizo S.L -empresa do polígono de Pazos en Padrón que contaba coa consideración de Centro Especial de Emprego por empregar persoal con diversidade funcional- era, en realidade, unha empresa con ánimo de lucro.

Lémbrao a CIG, que indica que Inspección resolveu entón que tiña que pagar á Tesourería da Seguridade Social por diferenzas de cotización das persoas empregadas un importe total de débeda de máis de 355.000 euros e aboar ao seu persoal as diferenzas salariais que lle correspondían.

Porén, indica o sindicato, o que fixo foi presentar un ERE de extinción de contratos. “Unha decisión que se adopta malia traballar case en exclusiva para STAC, unha empresa do Grupo Cortizo, que presenta ganancias millonarias”, subliña o sindicato.

Segundo explica Antonio Cebey, asesor da CIG-Industria de Compostela, nun comunicado, a única carga de traballo que tiña Caxizo desde a súa apertura no 2013 e até 2016, era 100% de STAC; en 2017 pasou ser de 99,8%; 98% en 2018 e de 86% en 2019.

Por iso Antonio Cebey denuncia que “Cortizo, en vez de intentar reflotar esta empresa, opta pola fraude de non pagar á Seguridade Social nin pagar a diferenza de salarios aos traballadores e traalladoras. Salarios que teñen que solicitar o FOGASA e que pagamos todos os traballadores e traballadoras, mentres Cortizo segue incrementando as súas ganancias”.

Cebey lembra ademais que esta empresa obtivo subvencións públicas pola súa consideración como Centro Especial de Emprego. Por iso considera que “unha vez mais, estamos diante dunha estafa  por parte dos grandes empresarios, roubándolle os traballadores e traballadoras diferenzas salariais”.

Comentarios