Inspección de Traballo volve sancionar a CRTVG por "contratación fraudulenta"

O comité de persoal censura a contratación en fraude de lei, baixo a modalidade de contratación artística, un traballador para substituír as vacacións doutro.
Sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago de Compostela) #tv #televisión #radio #crtvg #tvg #radiogalega #xornalismo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede central da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A Inspección de Traballo da Coruña sinala nunha resolución de data 19 de setembro, segundo vén de informar o comité intercentros da CRTVG, que a corporación de medios públicos da Galiza contratou en fraude de lei, baixo a modalidade de contratación artística, un traballador para substituír as vacacións doutro.

A resolución, resultado dunha denuncia presentada polo comité de empresa, considera fraudulento o contrato artístico en cuestión "porque o traballador foi contratado para substituír e facer as funcións propias dun locutor de radio, categoría regulada e definida no convenio colectivo da CRTVG que en ningún caso xustificaría o recurso á modalidade de contratación artística".

Isto supón, segundo a resolución de Inspección, un "incumprimento do establecido nos apartados Dous e Tres do artigo 1 do Real Decreto 1435/1985, de 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral especial dos artistas". Inspección de Traballo considera ademais, en liña coa denuncia do comité de empresa, que a CRTVG "debía ter acudido ás listas de contratación vixentes para substituír o locutor de radio".

Con esta "actuación fraudulenta", a compañía incumpriu o procedemento para a contratación temporal recoñecido nos artigos 26, 27 e 28 do convenio colectivo, que teñen por finalidade respectar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, ademais de publicidade. Os dous feitos supoñen, cada un, a comisión dunha infracción empresarial en materia de relacións laborais tipificada como grave, o que conleva unha sanción económica de entre 750 e 7500 euros por infracción, segundo o estabelecido pola Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social (LISOS).

O comité de empresa advertira á dirección de Recursos Humanos da "irregularidade" na que estaba incorrendo con esta contratación. "Pero a dirección, lonxe de desistir, defendeu a súa legalidade e mesmo contratou outras dúas persoas como artistas para a condución do mesmo programa no verán seguinte e a unha terceira persoa nesta temporada de outono", censuran desde o comité.

A representación legal do persoal da CRTVG lembra que a fraude na contratación xerou nos últimos anos máis de 400 condenas por cesión ilegal ou uso abusivo e fraudulento da contratación temporal e urxe á dirección a non repetir unha práctica ilegal, como a contratación artística para efectuar funcións de convenio, que consideraba superada.

E advirte tamén o comité de empresa que desde a Lei de orzamentos de 2017 as actuacións irregulares en materia de contratación dan lugar á exixencia de responsabilidades aos titulares de órganos de dirección.

Comentarios