A Consellaría asina novas condicións para docentes interinas e substitutas

CCOO, UXT, CSIF e ANPE chegaron a un acordo con Educación
Sinatura do novo acordo de docentes interinas e substitutas (Foto: Xoán Crespo).
photo_camera Sinatura do novo acordo de docentes interinas e substitutas (Foto: Xoán Crespo).

A Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades asinou esta sexta feira cos sindicatos CCOO, UXT, CSIF e ANPE o acordo que modifica as condicións das e dos docentes interinos e substitutos para "axilizar os chamamentos e flexibilizar as penalizacións ante renuncias".

O documento pactado conta coa rúbrica do director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e dos delegados sindicais José Manuel Fuentes (CCOO), Julio Díaz (ANPE), Sandra Montero (UXT) e José Carlos Fernández (CSIF). 

Desta maneira, contémplase que o persoal das listas pode renunciar voluntariamente e sen penalización ás prazas que sexan a tempo parcial, así como as de centros de menores, prisións e atención domiciliaria. 

Tampouco perderá o seu posto na lista a persoa que, durante polo menos un curso, rexeita chamamentos por atender unha crianza ou un familiar de até segundo grao (de consanguinidade ou afinidade) que non se poida valer por si propio.

En canto á cobertura de vacantes, outro punto do acordo fixa por escrito que, cando unha persoa docente se reincorpore coincidindo cos períodos non lectivos de Nadal, Entroido e Semana Santa, a Consellaría poderá nomear o mesmo substituto se se produce "a mesma necesidade de cobertura" no posterior reinicio das clases.

A CIG denuncia recortes

O acordo non contou co apoio de CIG-Ensino, sindicato maioritario neste sector, porque considera que contén "novos recortes de dereitos", que está pensado "principalmente" para "beneficiar a Administración" e porque non recolle as melloras que defenderon os seus representantes na Mesa Sectorial.

Comentarios