“Confinados si, mais manifestándonos”

O coronavirus impediu celebrar o Primeiro de Maio na rúa, polo que reivindicacións e demandas trasladáronse ás redes sociais, xanelas e varandas.

xanelas 2

O confinamento do estado de alarma (e algunha decisión xudicial), impediron que nas rúas houbese mobilizacións e manifestacións polo Día internacional da clase traballadora. Mais non puido coutar que este 1 de maio, malia ser especial, fose igualmente reivindicativo.

Non houbo faixas enormes a ocupar a rúa e vía pública, nin megafonías a todo volume, nin miles de persoas a ateigar cidades galegas nas manifestacións sindicais. Mais si que houbo actividade nas redes e tamén nas xanelas e varandas.

Desde a CIG animaron a cantar A Internacional e pendurar as bandeiras vermellas e de Galiza. Nas redes ao longo da mañá foron pendurándonse imaxes e vídeos da iniciativa. En papabras de @henrisrece, "confinados si, pero de manifestación". 

O secretario xeral desta central sindical, Paulo Carril, incidiu hoxe no impacto dunha crise sanitaria que "discrimina entre ricos e pobres" e esixiu políticas que "non empobrezcan á maioría", nunha intervención por vía telemática.

Neste sentido, reclamou "unha urxente rectificación" ás medidas do Goberno español e galego por considerar as aplicadas "inxustas e insuficientes". Así, criticou que se profunde "no modelo de dependencia de Madrid e Bruxelas". Tamén pediu "frear" o que considerou "abusos patronais" pola "aplicación indiscriminada de ERTEs e despedimentos masivos".

Na súa intervención, esixiu, así mesmo, a "derrogación íntegra das reformas sociais e laborais". Mentres, aludiu ao impacto da crise na Galiza, onde, dixo, xa se vivía "unha auténtica emerxencia pola crise industrial, social e demográfica".

Os secretarios xerais de CCOO e UGT na galiza, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, respectivamente, reclamaron este Primeiro de Maio un "gran pacto social" para afrontar a crise derivada da COVID-19.

"É imprescindíbel que se impoña a necesaria altura de miras no conxunto da sociedade, da clase política, dos axentes económicos", sinalou Sarmiento, incidindo na necesidade de "un gran acordo" para afrontar a crise económica e social xerada pola sanitaria.

A Sala Primeira do Tribunal Constitucional non admitiu a última hora do día 30 de abril o recurso de amparo que presentou a Central Unitaria de Traballadoras (CUT) contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que desestimou a súa solicitude de manifestación en Vigo para hoxe, 1 de maio. Tratábase dunha marcha a celebrar en coche pola cidade, cunha única persoa por vehículo.

"Xa nos esperabamos esta decisión", explica a Nós Diario o secretario xeral desta sindicato, Ricardo Castro, "estamos diante un auto de carácter ideolóxico, unha sentenza política que vén a referendar que non hai separación de poderes e si unha orde directa do Ministerio do Interior",

Comentarios