1 de maio: reivindicación laboral na pandemia

A data por antonomasia para defender os dereitos da clase obreira, o día 1 de maio, virá este 2020 profundamente marcado pola situación creada pola pandemia e o estado de alerta. Accións virtuais e seguimento domiciliario farán que esta edición non se mida pola asistencia ás manifestacións e si pola incidencia, segura, nas redes sociais. Nas reivindicacións o tema central é a actual situación económica e as consecuencias que traerá a nivel laboral. A crise actual prepara sorpresas. As forzas sindicais adiantan algunhas posíbeis solucións.

Cazolada organizada pola CIG (Nós Diario)
photo_camera Cazolada organizada pola CIG (Nós Diario)

O confinamento do estado de alarma non foi quen de impedir que Galiza teña, como outros anos, un Día da Clase Traballadora reivindicativo. Este 1 de maio é especial polas fórmulas escollidas nas organizacións sindicais para facer chegar a súa voz a unha poboación fechada nos seus domicilios mais tamén por estarmos nunha situación económica, laboral e social extrema.

CIG exixe protexer á clase traballadora, no ao capital

A campaña da CIG arredor da que xirará este ano a súa conmemoración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, ten como lema Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro. A primeira forza sindical na Galiza fixo un chamamento a manter o carácter reivindicativo da data malia as dificultades e participar pendurarando das xanelas e balcóns das vivendas bandeiras da patria e vermellas así como a cantar, ás 12 horas, a Internacional.

“A mobilización social e laboral é a vía pola que dar resposta e evitar que volvamos a pagar a factura desta crise as mesmas”, afirmaba o seu secretario xeral Paulo Carril entrevistado por Nós Diario, “polo que este 1 de maio non hai que autoconfinarse mentalmente e desactivarse socialmente”. As demandas deste 1 de maio son para a central nacionalista “urxentes” pola actual situación que vai da emerxencia sanitaria á emerxencia social. “É imprescindíbel derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012”, polo que non se deben renovar os ERTE actuais que activou o Goberno español. Asegura que urxe “axilizar o pago das prestación” para que non cause “empobrecemento na clase traballadora” e ter en conta para una prestación “a aquelas persoas que foron despedidas ou que desde 1 de xaneiro estiveran no desemprego”, entre outras medidas.

A CIG fixo un chamamento a manter o carácter reivindicativo da data 

Carril é moi crítico coa actuación do Goberno español e tamén co galego. No primeiro caso por adoptar medidas que provocaron “despedimentos masivos”, algo que desde a central nacionalista xa alertaron no seu momento, e no segundo caso “por xogar a ampliar o caos”, en referencia aos atrasos “que provocou Feixóo na aprobación dos ERTE”. Por este motivo afirma que “cómpre movilizarse para exixir políticas que garantan os nosos dereitos como clase traballadora”.

CCOO e UXT piden outro modelo social e económico

As organizacións sindicais CCOO e UXT na Galiza celebrarán este 1 de maio conxuntamente baixo o lema Traballo e servizos públicos. Outro Modelo social e económico é necesario. Polas restricións do estado de alarma trocaron as manifestacións por actos virtuais que difundirán nas súas páxinas web a partir das 12 horas.

As organizacións sindicais CCOO e UXT na Galiza celebrarán este 1 de maio conxuntamente

"Esta crise puxo de relevo que os servizos públicos, que sufriron os recortes da crise de 2008, son un piar esencial do estado do benestar", asegura a Nós Diario o secretario xeral de CCOO Ramón Sarmiento, "e deben ser considerados un ben esencial polo que hai que blindalos", engade. Valora a actitude do Goberno español que "debía parar a actividade económica por seguridade e así aconteceu" e agarda que haxa a mesma resposta en relación ás axudas sociais “tamén por parte da Xunta e as entidades locais". O líder de CCOO carga contra a actuación da Alberto Núñez Feixóo cando afirma que o seu goberno "foxe da interlocución cos axentes sociais e non foi receptivo a ningunha das propostas que lles fixemos". Demanda "un gran pacto social" que conte "co compromiso do conxunto de forzas políticas e sociais".

Desde UXT o seu secretario xeral na Galiza, José Antonio Gómez, salienta que nunha data tan sinalada como a de hoxe as demandas "xiran ao redor dunha maior protección para as persoas e un recoñecemento aos traballadoras e traballadores dos servizos esenciais neste país". Da actual situación creada pola pandemia asegura a Nós Diario que saca a conclusión de que hai que apostar "por crear unha rede de protección para todas aquelas persoas que non reciben ningún tipo de percepción" polo que demanda “unha renda mínima vital que lles permita subsistir".

Manifesto fronte ao rearme do capital

A situación de emerxencia sanitaria centrou tamén as reivindicacións doutros sindicatos. As organizacións CUT, CXT, Sindicato da Elevación, Sindicato Ferroviario da Confederación Intersindical, STEG e PROSAGAP fixeron público un manifesto no que critican a xestión que está a facer da pandemia da COVID-19 por parte dos Gobernos español e galego así como dos partidos políticos da dereita e a Unión Europea (UE).

"A xestión da crise que está a desenvolver o Goberno do PSOE-Unidas Podemos non difire máis ca en matices coa que se enfronta o coronavirus no resto dos países da contorna", aseguran, ao tempo que poñen como exemplo a situación da sanidade pública. "É rechamante a acción do Goberno de Feixóo que ostenta as competencias en sanidade e nos últimos dez anos eliminou 11 hospitais públicos", afirman. Tamén denuncian que todos os pasos dados até agora pola UE non se deron "sen que antes falara o Banco Central Europeo (BCE) e non precisamente para beneficiar aos sectores mais golpeados pola crise sanitaria".

Denuncian que todos os pasos dados até agora pola UE non se deron sen que antes falara o Banco Central Europeo (BCE)

Salientan estes sindicatos que "de fondo temos o ruído incesante da dereita e da extrema dereita que ven a ocasión perfecta para tombar un goberno xa moi feble e asestar o golpe definitivo á clase traballadora".

Por último fan un chamamento a estar alerta diante do sistema que tentará "facernos corresponsábeis con novos recortes salariais despedimentos masivos e represión policial e xudicial para asegurar manter axeonllada á clase traballadora".

CUT denuncia "sentenza política" do Constitucional

A Sala Primeira do Tribunal Constitucional non admitiu a última hora do día 30 de abril o recurso de amparo que presentou a Central Unitaria de Traballadoras (CUT) contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que desestimou a súa solicitude de manifestación en Vigo para hoxe, 1 de maio. Tratábase dunha marcha a celebrar en coche pola cidade, cunha única persoa por vehículo.

A CUT estuda a posibilidade de recorrer a Estrasburgo

"Xa nos esperabamos esta decisión", explica a Nós Diario o secretario xeral desta sindicato, Ricardo Castro, "estamos diante un auto de carácter ideolóxico, unha sentenza política que vén a referendar que non hai separación de poderes e si unha orde directa do Ministerio do Interior", engade. "Desde que empezou esta historia da COVID-19 hai unha orde do Estado español de máis unidade de España e acabar coa discrepancia", asegura Castro. Para a CUT a idea é "previrnos do que vai vir, a crise económica que trae esta pandemia virá con moitos recortes e queren evitar calquera tipo de contestación". Este sindicato estuda a posibilidade de recorrer a Estrasburgo.

CNT reivindica o orgullo da clase traballadora

A Confederación Nacional do Traballo (CNT) na Galiza afirma nun comunicado que este 1 de maio "excepcional e diferentes dos anteriores" ten “máis claro que nunca a importancia da unidade e a organización da clase traballadora". Reivindica o "orgullo" de que sexa esta a que "está facendo fronte á situación de emerxencia sanitaria" e "arrisca as súas vidas e manten as actividades produtivas e non produtivas".

A CNT rexeita o "pactismo da clase dominante e a globalización" e asegura que "os últimos Pactos da Moncloa significaron capitalismo salvaxe, desindustrialización e despedimento libre". Consideran desde este sindicato que "non se pode deixar que a clase política volva a utilizar unha nova crise para enriquecer ás que máis teñen reducindo os nosos dereitos".

Comentarios