A CIG reclamará neste 1 de maio protección para a clase traballadora

"Non podemos ser de novo as vítimas da crise", advirte.
Paulo Carril (CIG).
photo_camera Paulo Carril (CIG).

A CIG conmemorará o vindeiro 1 de maio o Día Internacional da Clase Obreira reivindicando políticas que garantan os dereitos e o benestar das maiorías sociais nun momento  no que a crise sanitaria e social derivada da expansión do coronavirus ataca con máis forza as clases traballadoras.

Baixo o lema "Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro", a central sindical  quere poñer o foco na situación daqueles colectivos que son máis vulnerábeis aos efectos da pandemia e reclamar garantías sociais para as traballadoras e traballadores.

"Se o Primeiro de Maio foi de sempre unha data de reivindicación da clase traballadora, este 2020, ante a situación que estamos a vivir, máis que nunca temos que facer escoitar as nosas demandas porque non podemos permitir que nos sigan a empobrecer, a roubar os nosos dereitos mentres se facilita todo tipo de abusos patronais", subliña o sindicato nacionalista, diante da situación que a baixada da actividade económica está a ter no tecido social, con miles de expedientes de regulaciónde emprego e a ameaza de máis despedimentos e maior precarización laboral.

Nesta liña, chama a reivindicar políticas "que verdadeiramente garantan protección, benestar e o dereito a un emprego e uns ingresos dignos na nosa terra". "Desta crise sanitaria non podemos ser, de novo, as vítimas. Impidamos que o interese do capital estea por enriba da saúde das persoas", reclaman desde a CIG, avanzando as que serán as súas chaves na conmemoración do 1 de maio.

Comentarios