mércores 22/09/21

Condenan Carrefour a indemnizar con 6.000 euros un traballador por ignorar as peticións de ampliar xornada

A empresa ignorou as solicitudes do empregado para que se lle ampliara a xornada laboral.

Carrefour
Imaxe de aqruivo

CIG informa que o xulgado do Social nº 2 Lugo vén de recoñecer o dereito dun traballador de Carrefour a ampliar a súa xornada laboral das 24 horas semanais ás 39 horas, e condena á empresa a abonarlle unha indemnización de máis de 6.000 euros en concepto de lucro cesante, pola diferenza entre o que cobrou e o salario que cobraría se prestara o seus servizos a xornada completa.

O traballador afectado leva prestando servizos para o CCCarrefour Lugo a tempo parcial dende o ano 2004, cunha xornada semanal de 24 horas. Tomou a decisión de presentar denuncia en marzo de 2018, despois de ter solicitado á empresa que se lle ampliara a xornada até en tres ocasións entre maio de 2016 e novembro de 2017.

 O convenio colectivo de grandes almacéns establece no seu artigo 9 que, no caso de incremento do cadro de persoal ou de existir vacantes a cubrir, en similar función, a igualdade de condicións, os traballadores e as traballadoras con contratos a tempo parcial terán preferencia 

Porén, a cada unha das peticións, a compañía respondeu con silencio e iso a pesar de que nese período se produciran varias vacantes e novas contratacións neste centro de traballo.

“Cómpre lembrar que o convenio colectivo de grandes almacéns establece no seu artigo 9 que, no caso de incremento do cadro de persoal ou de existir vacantes a cubrir, en similar función, a igualdade de condicións, os traballadores e as traballadoras con contratos a tempo parcial terán preferencia sobre as novas contratacións a tempo completo”, indica a central nacionalista.

Porén, Carrefour, di a CIG, non só non lle ofreceu a posibilidade de ampliar a súa xornada laboral ás 39 horas semanais, “senón que nin sequera lle contestou ás solicitudes, nin tampouco xustificou a realización doutros contratos”.

Por todo iso, o xulgado recoñece o dereito do traballador a ampliar a xornada de traballo con efectos económicos dende o 30 de novembro de 2017 (data na que presentou a última solicitude á empresa) e condena Carrefour a abonar unha indemnización de case 6.000 euros (máis os intereses xerados).

comentarios