Xustiza

Condenado a prisión un empresario pola morte dun albanel en Carnota

O traballador non contaba nin coa formación nin coas medidas de seguridade precisas para acometer un traballo en altura e caeu desde seis metros.

Traballadores da construción. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Traballadores da construción. (Foto: Nós Diario)

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña vén de confirmar a condena a dous anos e tres meses de prisión a un empresario da construción pola morte dun albanel en Carnota (comarca de Muros) en abril de 2017. O empresario é culpábel dun delito de lesións por imprudencia grave, que absorbe outro delito contra a seguridade dos traballadores.

O empregado estaba a substituír unhas placas de uralita nunhas instalacións dunha piscifactoría "sen a formación necesaria" para acometer estes traballos de altura cando sufriu unha caída mortal desde seis metros. Esta sentenza da Audiencia o que fai é confirmar outra previa, do Xulgado do Penal número 1 da Coruña, con data de maio de 2022, ao desestimar o recurso da defensa do empresario.

De acordo cos feitos probados, o traballador falecido só dispuña para realizar o traballo "dun arnés sen cabo de conexión e unha corda común que non garantía a seguridade e que debía enganchar a algún punto indeterminado segundo o seu criterio". O día do sinistro, o punto de amarre "foi totalmente improvisado" e a súa resistencia non tiña "garantías".

"O acusado non proporcionou as medidas colectivas de seguridade minimamente necesarias", recalcan os maxistrados, que a continuación enumeran varias deficiencias atopadas no lugar do accidente mortal. Tampouco se lle impartiron "os cursos de formación necesarios".

A defensa do empresario recorreu por considerar que non había proba de cargo e que, cando menos, se aplicase o principio in dubio pro reo. Pero a Audiencia, ademais de lembrarlle que o seu labor como tribunal de apelación "non consiste en valorar novamente a proba", replica que "non se pode dicir que a proba non existe para seguidamente discutir a valoración da proba que se declarou inexistente".

A maiores da pena de cárcere, o condenado deberá indemnizar a familia do falecido cun montante total que supera os 485.000 euros. A aseguradora da empresa farase cargo de 300.000 euros.

Comentarios