CIG pide iniciar os trámites para a intervención pública de Alcoa

Chama a manter a unidade e a mobilización para evitar a parada das cubas.

Alcoa foto da CIG
photo_camera Imaxe dunha protesta de traballadores de factoría de San Cibrao. (Foto: CIG).

A CIG reclama do Goberno español e da Xunta de Galiza que manteñan unha postura de firmeza para evitar o plan de peche de Alcoa e “valentía” para pór en marcha medidas viábeis que garantan a non parada das cubas, “aínda que a multinacional execute un ERE extintivo ou  temporal”.

Neste crítico momento, indica nun comunicado, máis que nunca é preciso que as administracións acompañen e apoien a dura loita que os traballadores e as traballadoras desenvolverán nos próximos meses para evitar que se consumen os despedimentos e o cese da produción de aluminio primario.

Así o trasladou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na reunión telemática da mesa de seguimento que tivo lugar pouco antes de retomarse o período de consultas do ERE de Alcoa. "Resulta obvio que Alcoa nunca tivo vontade de chegar a un acordo de venda e utilizou este tempo de prórroga para prefabricar unha autoxustificación do fracaso da operación", denunciou.

Neste senso, Carril pediu a todas as partes manter a unidade de acción para enfrontar os plans de Alcoa, dándolle dende as institucións e dende a mobilización unha categórica resposta "até que a empresa cese na súa intención de deixarnos sen postos de traballo, sen futuro industrial para a comarca e sen un sector estratéxico para Galiza como é o aluminio".

Comentarios