Alcoa

O comité non negociará "ERTE nin ERE" ao consideralo "fraudulento" e non desbota acudir aos xulgados

Advirte que a multinacional "pon en cuestión o país" ao pór "de xeonllos ao Goberno e a Xunta" ás que insta a dicir "basta"

Comité de empresa Alcoa a foto é de Marta Vázquez Rodríguez Europa Press
photo_camera Integrantes do comité (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

O presidente do comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, insistiu en que a representación dos traballadores e traballadoras non negociará a aplicación de "ERTE nin ERE" coa empresa, ao ver o proceso "fraudulento", e non desbotou acudir aos xulgados se esta aposta polos despedimentos.

Preguntado antes de participar na mesa negociadora con Alcoa, que tivo lugar no Pazo de Cea de Nigrán , Zan remarcou que o comité de empresa non aceptará "nada que implique parar a produción" e incidiu en que o Goberno estatal e a Xunta están "da súa parte".

Mentres, a empresa advertiu da aplicación dun despedimento colectivo permanente que afectaría aos 534 postos de traballo da planta de aluminio de San Cibrao no caso de que non haxa "acordo sobre un ERTE" despois do seu rexeitamento a vender a factoría nin a Liberty House nin á Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI).

A ese respecto, o presidente do comité de empresa lembrou que "hai xulgados e outras formas" para poder paralizar os despedimentos "legalmente". "A Xunta pode recorrer, o Goberno estatal pode recorrer e todos podemos recorrer esa decisión", advertiu. Así, esperou que o Executivo español e o Goberno galego "manteñan a súa palabra" e "Alcoa e os seus asesores reconsideren a súa posición".

Sobre o encontro da mesa multilateral, o presidente do comité de empresa criticou que a empresa "se levantase da mesa sen acabar o prazo e nin tan sequera responder á última proposta do Goberno para adquirir a planta a través da SEPI", que lembrou que foi a que lla vendeu nun negocio que recoñeceu como "ruinoso".

"Cando unha empresa pon de xeonllos ao Goberno e a Xunta estamos a pór en cuestión o país", denunciou.

Comentarios