A CIG urxe Sanidade a dar "os pasos necesarios" para aplicar desde o 1 de xullo o acordo de melloras asinado en abril

A relación de melloras salariais e laborais aínda non está publicada no DOG.

As partidas da Xunta para a sanidade privada aumentaron este ano en 18 millóns respecto a 2020. (Foto: Europa Press)
photo_camera As partidas da Xunta para a sanidade privada aumentaron este ano en 18 millóns respecto a 2020. (Foto: Europa Press)

A CIG urxe Sanidade a dar xa os "pasos necesarios" para que o 1 de xullo se poidan aplicar as melloras retributivas e de horario para todo o persoal sanitario que foron acordadas en Mesa Sectorial o pasado 20 de abril.

Nun comunicado emitido esta sexta feira, a unha semana de que finalice o mes de xuño, a central sindical nacionalista esixe que se apliquen a partir do día 1, tal e como está asinado, as subidas salariais e a redución da xornada laboral até ese obxectivo das 35 horas semanais que está marcado para 2025.

Segundo o sindicato, "aínda non está publicado" no Diario Oficial de Galicia (DOG) "nin está actualizada" a orde de nóminas. Neste contexto, a CIG-Saúde esixe "que se garanta a súa aplicación integral" desde o primeiro día tal e como estaba comprometido.

De feito, a Consellaría de Sanidade convocou unha Mesa Sectorial para a vindeira terza feira, 27 de xuño, no que un dos puntos para abordar cos sindicatos con representación neste órgano (CIG, CCOO, UXT e CSIF-CESM) será o relativo ás instrucións para executar o acordo do 20 de abril.

Precisamente, o sindicato nacionalista, que é o maioritario no sector, avanza que preguntará sobre este asunto na reunión porque hai cuestións que "non poden quedar á interpretación das xerencias das áreas sanitarias".

Contías actualizadas

En canto ás retribucións, a CIG insiste en coñecer "todas as contías actualizadas" tanto ao 1 de xullo de 2023 como ao 1 de xaneiro de 2024, xa que as melloras aplicaranse de maneira graduada. En concreto, o acordo de abril recolle un incremento de 7,9% nas gardas de días laborábeis e no complemento de nocturnidade, así como 15,61% nas gardas de domingos e festivos.

O sindicato nacionalista tamén reclama a redución de tres sábados en todo o ano 2023 tanto en Atención Primaria como en Hospitalaria, con ese obxectivo último de implantar as 35 horas semanais para 2025; así como o estabelecemento dun máximo de horas de garda localizada, entre outras reivindicacións.

Comentarios