A CIG reclama revalorizar os salarios no sector público

O sindicato denuncia a perda de poder adquisitivo das persoas empregadas no sector público desde a crise de 2008, que sitúa en 17%.
A central sindical anunciou mobilizacións no mes de outubro (Foto: T. Castro).
photo_camera A central sindical anunciou mobilizacións no mes de outubro (Foto: T. Castro).

A Confederación Intersindical Galega remitiu un escrito á Secretaria de Estado de Función Pública solicitando a convocatoria inmediata da Mesa Xeral de Negociacións.

A central sindical solicita así, abordar as medidas que, na súa opinión, debe conter o Proxecto de Lei dos Orzamentos do Estado para 2023, de maneira que "permitan a recuperación real e efectiva dos salarios e dos niveis de emprego público". 

Ademais, a CIG avanzou esta segunda feira que convocará mobilizacións a partir do mes de outubro "se o  Executivo español e a Xunta da Galiza non atenden as súas propostas para combater a precarización do emprego e o deterioro dos servizos públicos".

O voceiro da Área Pública da CIG, Luís Carballo, subliñou que "desde o estoupido da crise de 2008, o persoal empregado público está sufrindo un continuo recorte dos seus salarios", de modo que "a perda acumulada do poder adquisitivo ascende xa a 17%".

Unha situación á que lle hai que engadir, incidiu Carballo, "o deterioro progresivo dos dereitos laborais imposto baixo a escusa da crise" a través da "ampliación das xornadas, a suspensión dos convenios colectivos, e a eliminación de permisos e licenzas ou reducións de retribucións en situacións de incapacidade temporal".

No actual contexto no que a carestía da vida medra a causa dunha inflación que supera os dous díxitos, a CIG rexeitou "que se pretenda acordar unha suba salarial para o persoal das Administracións no marco dun pacto de rendas no que as grandes empresas imporán sempre o seu interese económico por enriba do servizo público".

Por este motivo, adiantou o representante da central sindical, a CIG "non asumirá unha suba salarial do sector público ligada aos beneficios empresariais".

Por contra, a central sindical propón subir as retribucións  5% en cada unha das anualidades entre 2022 e 2024, asegurar a revalorización de salarios a niveis do IPC, a recuperación da contía das pagas extras, a eliminación das taxas de reposición estabelecidas e o desenvolvemento da normativa de xubilacións parciais e anticipadas.

Comentarios