Folga no sector público para exixir a fin da temporalidade laboral

Os sindicatos Co.Bas, Confederación Intersindical e Solidariedade Obreira, CUT e Federación de Ensino de CXT, entre outros, convocaron para este 28 de outubro unha folga en demanda de estabilidade nas administracións galegas. 
Manifestación realizada en Madrid o pasado 26 de setembro (Nós Diario).
photo_camera Manifestación realizada en Madrid o pasado 26 de setembro (Foto: Nós Diario).

O sector público está convocado esta quinta feira 28 de outubro a unha folga na que se exixe a fin da temporalidade, "a fraude e precariedade nas administracións galegas".

O chamamento parte dos sindicatos Co.Bas, Confederación Intersindical e Solidariedade Obreira, CUT, Federación de Ensino de CXT, ISTA-Intersindical, IAC-CATAC, Intersindical Valenciana, STEM, Somos Sindicalistas, SAS, CNT-AIT, así como con outras convocatorias noutros puntos do Estado español.

"Unha vez que o goberno da Xunta rexeitou tramitar a ILP de consolidación do emprego público na Galiza, e como xa anunciamos no Parlamento o pasado 28 de setembro que as rúas non calarán mentres unha soa de nós permaneza precarizada", afirman nun comunicado.

Demandan modificacións normativas

Para as convocantes, o proxecto de lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público non soluciona o problema.

"As rúas non calarán mentres unha soa de nós permaneza precarizada", afirman os sindicatos

"Aínda o agrava, sancionando ás traballadoras co despido forzoso e con indemnizacións que poderían levar á creba das arcas públicas e poñer en risco os servizos públicos que sosteñen as nosas vidas", aseguran.

Por este motivo demandan "modificacións normativas que posibiliten unha consolidación real do persoal e dos postos de traballo, a paralización das ofertas de estabilización xa publicadas, sanción dos xestores responsábeis do abuso de temporalidade e a potenciación dos servizos públicos".

Coa folga realizarán unha manifestación que, no caso galego, sairá da praza Roxa de Compostela ás 12 horas.

Comentarios