31% dos contratos no sector público son eventuais

A  temporalidade manda nas traballadoras e traballadores do sector público. Segundo os últimos datos da Enquisa da Poboación Activa, afecta a 31,7% dos empregados do conxunto das Administracións, sumando 60.700 persoas. A porcentaxe de temporais aumentou no último ano en máis de 5%.
Protesta do persoal sanitario contra a eventualidade no sector no hospital da Mariña en 2019. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta do persoal sanitario contra a eventualidade no sector no hospital da Mariña en 2019. (Foto: Nós Diario)

31,7% das empregadas e empregados públicos son interinos. Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) referidos ao segundo trimestre deste ano, 60.700 traballadoras e traballadores galegos adscritos á Administración do Estado, á Administración autonómica e á Administración local son eventuais.

Ao tempo, o número de persoal indefinido no sector público sitúase nas cifras máis baixas da última década, rexistrando 130.900 persoas, isto é, 8.300 traballadores fixos menos que en 2021.
A temporalidade non deixa de medrar no sector público na Galiza.

Só no último ano incorporáronse ás diferentes Administracións 2.900 traballadores eventuais, incrementando a porcentaxe de interinos en 5% en relación ao exercicio de 2021. Asemade, a contratación interina ten medrado entre o primeiro e segundo trimestre de 2022 en 2,7 puntos, tras deixar atrás a taxa de temporalidade rexistrada no pasado mes de marzo.

A temporalidade no sector público supera en 15 puntos a do sector privado. Así, no ámbito privado, a taxa de contratos eventuais é de 17%, rexistrando o diferencial o máximo de toda a serie histórica. Mentres no primeiro trimestre a eventualidade nas Administracións colocábase en 29%, nas empresas era de 20,4%, marcando a primeira agora unha porcentaxe de 31,7% e fechando cunha diferenza de 14,7%.

5.400 empregos menos no sector público en 2022

A suba de eventualidade coincide cunha caída histórica do emprego público. A este respecto, os datos procedentes da EPA sinalan que o persoal de servizos das Administracións pasou de 197.000 persoas en decembro de 2021 a 191.600 en xuño de 2022, deixándose polo camiño 5.400 empregos. Neste sentido, a sanidade e a educación son os dous ámbitos máis afectados por estes retallos.

As causas do incremento do persoal interino son variadas. Nesta dirección, desde a Administración galega relaciónana coa necesidade de máis persoal nos servizos públicos, fundamentalmente na sanidade e na educación, como consecuencia da pandemia. A favor deste argumento, indican que as traballadoras e os traballadores públicos pasaron de 184.800 no conxunto do sector en 2019 a 197.000 en 2021.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Xesús Bermello, afirma a Nós Diario, que “a orixe do incremento da temporalidade no sector público está na taxa de reposición aprobada polo Goberno estatal de José Luis Rodríguez Zapatero e continuada polos seguintes Executivos que limitou as posibilidades de contratar das diversas Administracións”.

“O Executivo estatal ao subrogarse unha función de tutela das Ofertas Públicas de Emprego (OPE) está condicionando a política de emprego das diversas Administracións”, continúa Bermello, quen lembra que “en 2012 non permitiu cubrir ningunha baixa de persoal funcionario e noutros só cubrir unha determinada porcentaxe de xubilacións”. Nesa dirección, entende que este marco normativo “está impedindo ás Administracións ampliar a súa política de persoal en función das súas necesidades reais”.

O ensino é un dos sectores da Administración pública onde a eventualidade está por baixo da media. Neste sentido, Bermello destaca que “a temporalidade entre os ensinantes está arredor de 10% ou 11%, unha porcentaxe moi inferior á da media do Estado, situada en 26% e moi lonxe dalgúns territorios como Euskadi ou Catalunya onde está perto de 46%”.

“É certo que a temporalidade medrou de xeito considerábel nos anos de Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta da Galiza polos recortes aplicados polo Goberno galego e pola taxa de reposición”, significa Bermello, quen recorda “que na Galiza partíase dunhas porcentaxes de eventualidade moi baixas polas grandes ofertas de emprego lanzadas polo Goberno bipartito entre o 2006 e 2009, unhas oposicións con moitas prazas que permitiu a entrada de moita xente no sistema educativo”.

Sanidade, á cabeza das taxas de temporalidade

A sanidade encabeza as taxas de temporalidade no sector público. A este respecto, unha enquisa elaborada polo colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita entre 1.500 profesionais da enfermaría e publicada este ano sinala que “71% é persoal eventual fronte a 22% que ten un contrato en praza vacante  só un 6% praza en propiedade”. Asemade, 62% das enfermeiras participantes asinaron na súa vida laboral máis de 100 contratos no Sergas. 
Precisamente, a precariedade, a parcialidade e a falla de estabilidade laboral explica o nivel de insatisfacción dos sanitarios na Galiza.

Comentarios