A CIG centrará as reivindicacións do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, na reclamación dun marco galego de relacións laborais

A CIG fixo esta cuarta feira un chamamento á mobilización polo 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, nas sete cidades galegas “para dar resposta á grave situación de precariedade e pobreza que atravesa a maioría social e reclamar un marco galego de relacións laborais”.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).

A CIG fixo esta cuarta feira un chamamento á mobilización polo 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, nas sete cidades galegas “para dar resposta á grave situación de precariedade e pobreza que atravesa a maioría social e reclamar un marco galego de relacións laborais”. Reivindicando a vixencia das loitas de 1972, o acto central terá lugar en Ferrol coa tradicional ofrenda floral ao monumento ao 10 de Marzo e a posterior manifestación até o Cantón. A CIG tamén ten convocadas manifestacións en Vigo e Compostela. Así como concentracións na Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, foron os encargados de presentar as mobilizacións que a central nacionalista ten convocadas para o próximo domingo baixo o lema “STOP precariedade. Traballo digno. Por un marco galego de relacións laborais”.

Unhas reivindicacións que se insiren na campaña contra a precariedade que a CIG puxo en marcha no mes de xaneiro, coincidindo cos dous anos da entrada en vigor da última reforma laboral e que, avanzou Grandal, alén da vertente reivindicativa, tamén terá un percorrido institucional coa presentación de mocións nos diversos Concellos do país.

Multiplícase a precariedade

Nestes dous anos, indicou Paulo Carril, confirmouse o que a CIG xa denunciara no seu día: “que as medidas recollidas nesta reforma, xunto cos recortes de dereitos que impuxo a reforma de 2012 que non foi derrogada, ían supoñer de novo que a maioría social vería empeoradas aínda máis as súas condicións laborais e salariais”.

Ademais, advertiu que baixo novas formas de contratación “multiplicouse a precariedade, ao xeneralizarse a contratación fixa-descontinua (medrou neste período en 121%) e a contratación a tempo parcial”. “Mudan as estatísticas con datos marabillosos de contratación indefinida, mais a realidade non mudou e a precariedade estendeuse baixo outras formas, mesmo abusando as empresas do uso do período de proba como contratación con despedimento libre, que se incrementou en 21%”, concretou.

“Tamén se reforzou o papel das ETT [empresas de traballo temporal] e se facilitou a aplicación de ERTE [expedientes de regulación temporal do emprego] permanentes, mais nin se corrixiron as desigualdades de xénero, nin se aumentan os salarios, o cal nos leva a unha clase traballadora empobrecida e nunha permanente situación de inestabilidade laboral”, abondou Carril. “Faise realidade a figura do traballador e da traballadora pobre porque, hoxe en día, ter un emprego xa non garante que se poidan ter os ingresos mínimos necesarios para vivir con dignidade e acceder a dereitos básicos como son a alimentación, a enerxía ou a vivenda. De feito, 52% das familias que están na pobreza teñen traballo”, explicou o secretario xeral da CIG.

“E quen sofre con maior profundidade esta precariedade e pobreza son as mulleres (60% das persoas rexistradas no desemprego son mulleres) e a mocidade (tan só no último ano emigraron 32.697 persoas, fundamentalmente xente nova)”, engadiu.

Precisamente, Manuel Grandal lembrou que por “demandar salarios dignos, liberdade e algo do que seguimos facendo bandeira, que é termos un marco galego de relacións laborais e unha negociación colectiva na Galiza próxima ás traballadoras e traballadores, foi polo que morreron Amado e Daniel [Amador Rey e Daniel Niebla morreron en 1972 a mans do réxime franquista nas mobilizacións de Ferrol]”.

Cómpre loitar polos nosos dereitos

“Mentres esta realidade de pobreza -agravada pola carestía da vida e a inflación- se instala na clase traballadora, as empresas aumentan os seus beneficios e trasladan ao sector público os custos sociais desa situación de precariedade”, sinalou Grandal. “Unha precariedade que ten as súas causas nas políticas neoliberais implantadas desde o goberno estatal, primeiro polo PP e agora pola coalición PSOE-Sumar, co obxectivo de desregular e flexibilizar para satisfacer as demandas da Unión Europea a cambio duns fondos que só van hipotecar o futuro”, engadiu.

Na súa intervención, Carril tampouco esqueceu a “nula acción” do Goberno galego para reverter esta realidade, limitándose “a acatar o cativo marco de competencias e a aplicar unha versión máis dura destas políticas neoliberais”. Por iso, instou a mobilizarse porque “non podemos permitir que o resultado das eleccións galegas do 18 de febreiro teñan como consecuencia un endurecemento das políticas reaccionarias, antisociais e antigalegas que o PP vén practicando nos últimos anos”.

Ás portas dunha data tan sinalada para o sindicalismo nacionalista como o 10 de Marzo, o secretario xeral da CIG reiterou a necesidade da mobilización social para conseguir un Plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e reforzo dos servizos públicos en Galiza; e para que se poñan en marcha medidas que rematen coa precariedade, a temporalidade e os baixos salarios, tanto no ámbito privado como na Administración Pública.

“Tomando o exemplo das loitas do 72, tamén agora temos que loitar por unha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega”, afirmou. Para avanzar neste camiño, concluíu Carril, “hai que avanzar na consecución dun marco galego de relacións laborais porque é fundamental poder exercer un dereito democrático como é negociar na Galiza as nosas condicións de vida e os nosos salarios con plenas garantías”.

Comentarios