Reclama acabar coa precariedade

A CIG percorrerá Redondela e Vigo a pé para reivindicar o emprego

A CIG convoca para esta sexta feira unha marcha a pé entre Redondela e Vigo para reclamar, de maneira simbólica, postos de traballo nunha comarca abafada  pola “grave situación laboral e social”.

Dado o aumento da precariedade na bisbarra, a CIG organiza para esta sexta feira unha mobilización reivindicativa a pé entre Redondela e Vigo. Partirá ás 9.30h da Alameda de Redondela e chegará ás 13.30 á delegación da Xunta de Galiza en Vigo. Con este acto, presentado esta mañá en rolda de prensa, a CIG pretende denunciar a “grave situación laboral e social que padece a comarca”. “Continuamos a sufrir un elevadísimo nivel de desemprego, que na realidade atinxiría perto de 80.000 persoas, moi por enriba das estatísticas oficiais, que falan de 60.000”, denunciaron esta mañá responsábeis do sindicato.

Co fin de facilitar o desprazamento a Redondela, a CIG porá autobuses de balde que sairán do local do sindicato en Vigo ás 9h. Para empregar o bus é precisa a inscrición previa no teléfono 986 827 901.

A CIG avoga na intervención pública para acabar coa precariedade

A CIG salienta que os datos amosan que se crea moi pouco emprego, que ademais é estacional e precario, “hai máis de 14.000 persoas ocupadas menos que en 2009 e un de cada catro traballadores e traballadoras ten un emprego precario”. “A situación agrávase coa emigración constante da xente nova en busca dun futuro laboral”, advirte. “Máis do 90% dos contratos que se asinan son temporais, moitos deles a tempo parcial, mesmo por unhas poucas horas”, subliña a CIG, que responsabiliza da situación as reformas laborais de PSOE e PP. Na mesma liña, o sindicato nacionalista culpa o Goberno central e a Xunta de “insistir no saqueo da clase traballadora galega en beneficio da banca e do grande empresariado”.

Nesta situación de “emerxencia social”, a CIG propón un cambio “radical” nas propostas económicas. Avoga na “forte intervención pública para poñer en marcha as potencialidades da comarca”. Entre as medidas propostas pola CIG para crear postos de traballo atópase un plan de desenvolvemento industrial para a bisbarra; a aplicación da Lei do Sector Naval e a dotación dun plan galego para a industria da automoción; a recuperación integral da Ría de Vigo para potenciar a pesca e o marisqueo e o fin da exclusión da flota galega nos acordos da UE, entre outras actuacións.
 

Comentarios