mércores 21/10/20

Chove sobre mollado: Galiza segue a liderar a mortalidade en sinistralidade laboral

Informes sindicais e universitarios indican como unha das causas a falta de control de riscos nas empresas.

sinistralidade laboral

A morte dun mariñeiro esta semana en Porto do Son, ao embarrancar o pesqueiro perto do castro de Baroña, volve traer a primeira liña a sinistralidade laboral na Galiza, territorio que lidera este tipo de accidentes.

“Un traballador galego ten o dobre de posibilidades de ter un accidente laboral aquí que en calquera outro lugar do Estado”, indica a Sermos Galiza Fernando Sabio de CIG‑ Saúde Laboral. Os datos estatísticos do primeiro semestre de 2019 seguen o camiño de anos anteriores e subliñan o carácter crónico dunha situación que poderiamos denominar de extrema gravidade.

Segundo datos recompilados por Sabio para CIG‑Saúde Laboral, neste primeiro semestre de 2019 a suma de accidentes laborais en xornada de traballo (13.878) e in itínere (1.410) que tiveron traballadoras e traballadores na Galiza foi de 15.282, dos cales 14.993 foron leves, 266 graves e  29 mortais (24 en xornada laboral e 5 in itínere).

Galiza consolídase, en relación ao índice de incidencia media mensual, de 0,403 en accidentes mortais, como líder absoluto, duplicando a taxa do Estado, que está en 0,207.

Sabio apunta algunhas das causas do aumento continuo da sinistralidade laboral na Galiza. “Hai unha lei que se aplica dunha maneira laxa, con pouco investimento, non hai cultura preventiva e a acción inspectora é insuficiente”. Lembra que o noso país ten un tecido produtivo de empresas pequenas, moi atomizado. “Os sectores primarios son os máis importantes, con moito traballo físico, moven cargas,  empregan aparellos que moitas veces están en malas condicións como acontece na pesca ou nas canteiras”.

Cumprir coa normativa

Nora Martínez Yañez, profesora da Universidade de Vigo, coincide con Fernando Sabio en que hai sectores “de risco” como é co caso da construción ou as canteiras. “Pola propia actividade e tamén pola existencia de contratas e subcontratas que incrementan os riscos laborais”.

Martínez Yañez forma parte do grupo de investigación en Dereito Mercantil e do Traballo que está a estudar as características da sinistralidade laboral a nivel estatal. Entre as súas conclusións a respecto de Galiza está que “90% dos accidentes ou enfermidades laborais son por unha mala xestión dentro da empresa da prevención de riscos laborais”.

comentarios