Centos de traballadoras do BBVA protestan contra o ERE polas rúas da Coruña

A central sindical CIG considera que se trata dun expediente de regulación de emprego "inxusto e inxustificado". Ademais, afirma que case o 100% do cadro de persoal na Galiza apoiou o paro de 24 horas.
Protesta contra o ERE do BBVA nas rúas da Coruña. (Foto: CIG) #bbva #ere #cig #banca #banco #despedimentos
photo_camera Protesta contra o ERE do BBVA nas rúas da Coruña. (Foto: CIG)

As e os traballadores do BBVA na Galiza non queren asumir que o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado pola empresa sexa unha realidade e seguen a pelexar contra os futuros despedimentos. Con esa motivación, hoxe centros de empregadas e empregados saíron á rúa na Coruña -onde está a dirección territorial- para loitar contra unha decisión que ven "inxusta e inxustificada".

A representación sindical do cadro de persoal da CIG sinalou que practicamente o 100% do cadro de persoal do banco no país secundou a folga de 24 horas convocada "contra os despedimentos e a precarización das condicións laborais".

Segundo as previsións iniciais da entidade financieira o obxectivo era botar ao paro a 111 persoas, a maioría delas pertencentes ás sucursais das comarcas do norte galego. Tamén se falou do fechamento de 59 oficinas, repartidas entre Galiza, Asturies e Castela e León.

Pero na negativa de aceptar esas condicións e a reestruturacións as operarias non están soas, pois é numerosa a clientela que tampouco quere ver desaparecer un servizo.

"O BBVA ten que tomar nota da resposta que están dando os seus traballadores e traballadoras en contra deste ERE inxusto e inxustificado e retirar a proposta de despedimentos de enriba da mesa", destacou o secretario da sección da banca da CIG, Miguel Fernández.

Aposta nas prexubilacións

Polo de agora a mesa de negociación non fornece boas novas para as persoas afectadas polo expediente. No país a ruptura de contratos afectaría a 101 persoas, porque o resto até a cifra de 126 da que tamén se falou prestarían servizos de marketing telefónico, "empeorándolle as condicións laborais e incrementándolle a xornada".

Neste contexto, o sindicato considera "absurdo" o camiño dos despedimentos e os recortes e a baixada da calidade nos servizos ás consumidoras "cando non existen motivos para este ERE".

"O ano pasado o banco obtivo beneficios millonarios e no primeiro trimestre deste 2021 gañou máis de 1200 millóns de euros, e ademais a cúpula directiva continúa subíndose os salarios de maneira escandalosa", resumiu Fernández, que en todo caso -como sindicato- aceptaría un plan de prexubilacións, pois na Galiza hai 158 persoas maiores dos 58 anos traballando para a empresa.

Comentarios