Son 3.000 en Galiza

O persoal celador das institucións sanitarias de Galiza demandan unha formación regrada

“A día de hoxe o “boca a boca” entre celadores veteranos e noveis é case o único método de aprendizaxe existente en hospitais e centros de atención primaria”. 

hospital celador imaxe de Master

Un médico ten un grao universitario de seis anos e formación no seu centro de traballo. Un enfermeiro, un grao de catro anos e, tamén, formación no centro onde traballa. Un técnico de emerxencias sanitarias debe facer un ciclo medio de 2.000 horas e un técnico en coidados auxiliares de enfermería, un curso de grao medio de 1.400 horas. Ambos os dous, claro, teñen formación nos seus centros de traballo. E os 3.000 celadores e celadoras que hai nos hospitais e centros sanitarios galegos? Pois non teñen formación regrada nin prácticas. É o que denuncia a Asociación galega de celedores de institucións sanitarias ( Agacis): “A día de hoxe o único requisito formativo esixible para acceder á categoría de celador  é un anacrónico e obsoleto Certificado de Escolaridade, no cal non están reguladas obviamente, as tarefas específicas e cotiás de atención directa ao paciente, entre as que podemos citar: trasladar pacientes críticos, colaborar nun quirófano co persoal médico e sanitario…”

A isto, engaden, o celador é unha parte moi importante dos distintos equipos multidisciplinares existentes nos centros sanitarios (hospitais, centros de saúde ou Puntos de Atención Continuada (PAC), “recepciona, traslada e mobiliza a pacientes nun servizo de urxencias, auxilia ao persoal facultativo nunha sala de autopsias, colabora co persoal sanitario no aseo e mobilización de enfermos nas unidades de hospitalización e nas propias unidades de críticos onde se atenden, entre outros, a pacientes lesionados medulares, politraumatizados, grandes queimados, neurocríticos,  por citar algúns exemplos”.

Son pois tarefas que exixen coñecemento e implican responsabilidade. “A pesar desempeñar unha actividade tan importante, estásenos negando a posibilidade dunha formación teórico-práctica máis que necesaria”, indican desde Agacis. “Unha profesión con tales cometidos, debe estar baixo o amparo dunha formación regrada previa”.

O BOE publicaba en 2012 a Cualificación profesional “Traslado e mobilización de usuarios e doentes, documentación e materiais en centros sanitarios". Mais esta non se implantou en Galiza, denuncian, “sendo a día de hoxe o “boca a boca” entre celadores/ as veteranos/ as e noveis, case o único método de aprendizaxe existente en hospitais e centros de atención primaria”.

Afirman que con esta petición “non estamos a solicitar cobrar máis, nin aumentar ou minorar os nosos labores, simplemente desexamos prestar un quefacer acorde ao que a realidade sanitaria demanda”. 

Comentarios