Persoal de Vitrasa, en Vigo, convoca novos paros ante o "desinterese" de Abel Caballero

Nun comunicado remitido aos medios de comunicación, o comité de empresa agradeceu o apoio durante as mobilizacións realizadas até o momento.
Mobilización do persoal de Vitrasa o pasado xuño diante do Concello de Vigo (Foto: Europa Press).
photo_camera Mobilización do persoal de Vitrasa o pasado xuño diante do Concello de Vigo (Foto: Europa Press).

O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria de transporte urbano do Concello de Vigo, informou esta quinta feira dos próximos pasos que darán os traballadores da compañía para lograr un avance na negociación do convenio, caducado desde 2020, así como melloras nas condicións laborais.

Nun comunicado remitido aos medios de comunicación, o comité de empresa agradeceu o apoio durante as mobilizacións realizadas até o momento.

Así mesmo, o comité de empresa lamentou que a dirección da compañía e o Concello de Vigo "non movese un dedo para buscar unha solución" ás numerosas queixas dos usuarios afectados pola situación.

Os representantes do cadro de persoal consideran que tanto a empresa como o Concello de Vigo estiman "irrelevantes" os usuarios deste servizo que "necesita de maneira urxente que se renove con normalidade".

Deixamento do alcalde

"A pesar de ser un servizo público esencial, o alcalde [Abel Caballero] en ningún momento tentou mediar nun conflito laboral que afecta toda a cidadanía e é competencia municipal. Esta actitude de deixamento e desinterese contrasta coa tomada polos rexedores doutras cidades nas cales a súa intervención facilitou chegar a un acordo", cuestionaron desde o Comité de empresa.

Por todo iso, os representantes dos traballadores de Vitrasa anunciaron esta quinta feira que as mobilizacións continuarán e serán a partir da próxima sexta feira, 23 de decembro.

Os paros

Estes paros realizaranse as segundas, cuartas e sextas, excepto festivos, de 18.30 a 20.30 horas; a quinta, 5 de xaneiro, de 19 a 21 horas; e, a partir da segunda, 9 de xaneiro, retomaranse os horarios nos cales actualmente levan a cabo os paros, de 07.30 a 09 horas, de 14 a 15 horas e de e de 00 a 01.30 horas.

Así mesmo, os traballadores de Vitrasa concentraranse fronte ao Concello de Vigo os días 20 e 28 de decembro ás 10 horas para "deixar claro que están fartos da situación" e "exixir unha solución".

Comentarios