Case catro décadas despois, Vigo queda sen 'Ofeitoaman': "Caballero apáganos a luz"

A Asociación Galega de Artesáns culpa o Concello da insólita ausencia desta popular feira de artesanía.
Unha edición pasada da popular feira de artesanía. (Foto: Ofeitoaman)
photo_camera Unha edición pasada do evento. (Foto: Ofeitoaman)

O Nadal vigués despídese dunha cita histórica. Este ano, por vez primeira en case catro décadas após 37 anos presente de forma ininterrompida, non se realizará a Feira de Artesanía 'Ofeitoaman', segundo vén de denunciar a través das redes sociais a Asociación Galega de Artesáns (AGA).

A entidade culpa directamente o Goberno municipal da ausencia do popular evento: "O deseño das festas definido polo Concello de Vigo non ofrece as condicións necesarias para desenvolver unha Feira de Artesanía de calidade organizada por e para os artesáns da contorna de Vigo e do resto do país", lamentan.

O Executivo de Abel Caballero, pola contra, "favorece a actividade económica dunha empresa foránea cun modelo de negocio contraposto ao concepto que representa a Artesanía", inciden desde a AGA.

"Agardamos que no futuro os valores que representa a artesanía teñan dabondo importancia no eido local como para poder retomar unha celebración que atenda os intereses e necesidades do sector e poida levar o público nunhas datas sinaladas coma estas unha oferta de produtos artesáns de calidade, con orixe recoñecíbel, con autoría, sostíbeis, de proximidade, diferentes e orixinais, en 'Ofeitoaman'", engaden.

Os organizadores da feira morren "loitando", afirman, "por volver cos postos de Artesanía" ás rúas de Vigo. "Sentimos non poder volver saudar a tanta xente fiel que durante os últimos 37 anos visitou 'Ofeitoaman' nas distintas localizacións da feira", apuntan, e entre os emprazamentos lembran o Mercado do Progreso, a Alameda, a Estación Marítima, a Praza da Estación e a terraza do centro comercial A Laxe.

Comentarios