Vigo

Persoal de Vitrasa maniféstase contra a redución de salarios que prevé a concesionaria

Marea de Vigo, BNG, CIG, UXT e CCOO apoiaron as mobilizacións.
Mobilización do persoal de Vitrasa polas rúas de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización do persoal de Vitrasa polas rúas de Vigo, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

Persoal de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano de Vigo, mobilizouse na tarde desta quinta feira polas rúas da cidade para exixir unha solución ás "múltiples" problemáticas laborais que padecen "desde hai anos".

Un deles, segundo precisaron desde a representación sindical, ten a ver coa "inaplicación do convenio que a empresa pretende impor para reducir os salarios e os dereitos laborais, de modo que os soldos caerán 14% no que queda de ano en 30% en 2023".

De forma paralela, acusaron a empresa de "recortar os servizos" desde hai meses, "o que provoca que o que debera ser un servizo público de calidade sexa nestes momentos totalmente deficiente".

Na mobilización participaron as agrupacións locais de Marea de Vigo e BNG. O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, instou recentemente o alcalde, Abel Caballero, a actuar "con determinación e firmeza" para resolver o conflito.

"Se a Vitrasa non lle convén ou non lle é rendíbel seguir a xestionar o servizo de bus urbano de Vigo, que se resolva a concesión", propuxo.

Pola súa parte, desde a Marea avanzaron esta quinta feira que presentarán unha moción no vindeiro pleno para instar o Concello a realizar unha auditoría externa da compañía.

A formación acusou Vitrasa de "utilizar" os seus empregados para "tensionar" as negociacións co Concello e lograr compensacións económicas que melloren a súa xa "avantaxada" posición.

Comentarios