Un de cada dez accidentes laborais mortais no Estado ten lugar en Galiza

No noso país tiveron lugar o 11% dos accidentes laborais mortais de todo o Estado español neses 9 meses. Un total de 52 traballadores falecidos.

O Ministerio de emprego vén de publicar os datos de sinsitralidade laboral nos tres primeiros trimestres de 2016, entre xaneiro e setembro. En Galiza rexistráronse un total de 20.607 accidentes laborais, o que supón unha media de 76 cada día. A inmensa maioría dos sinistros que decorreron neses nove meses foi de carácter leve, 20.251.

Tiveron lugar entre xaneiro e setembro un total de 404 sinistros laborais graves no noso país, o que supón máis de 11 por semana de media. Houbo, ademais, 52 accidentes con resultado mortal. En todo o Estado houbo 461 traballadores mortos. Os 52 en Galiza supoñen máis do 11% do total, porcentaxe moi superior ao peso da poboación ocupada galega no seo do conxunto estatal.

Informe

Un recente estudo do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG amosábase contundente: “Proporcionalmente morreron na Galiza por accidente laboral o duplo de traballadores que a media do conxunto do Estado”. 

En Galiza o índice de incidencia (número de sinistros por cada 100.000 traballadores en activo) nos accidentes mortais foi no primeiro semestre de 0,519. No Estado español é de 0,259. Nos primeiros 6 meses do ano rexistráronse na Galiza un total 11.513 accidentes laborais, dos cales 11.281 foron cualificados como leves, 210 foron graves e 22 foron mortais. “Galiza cos seus 22 traballadores falecidos representa o 7,31% do total de mortes por accidente laboral do Estado, 301”, indícabase no boletín. Unha porcentaxe que agora ven de aumentar ao 11%.

Comentarios