VÍDEO

Os bombeiros de Vigo non participarán, por vez primeira, na Cabalgata de Reis: "A falta de persoal é alarmante"

"Moi ao noso pesar, tampouco poderemos acompañarvos na festa desta xornada", sinala un portavoz do servizo nun vídeo.
Os bombeiros vigueses emitiron hoxe un comunicado avanzando a decisión.
photo_camera Os bombeiros vigueses emitiron hoxe un comunicado avanzando a decisión.

Os bombeiros de Vigo anunciaron esta quinta feira que, "lamentabelmente" e por primeira vez, non participarán na Cabalgata dos Reis Magos que percorrerá as rúas da cidade esta sexta, 5 de xaneiro, debido á "alarmante falta de persoal". Así o confirmaron a través dun vídeo difundido polo colectivo Vigo sen Bombeiros, que conta co apoio dos sindicatos CIG, CCOO, CUT, SICO e UXT.

O servizo de bombeiros fecha habitualmente o desfile de carrozas de Reis, con varios vehículos e efectivos, pero este ano non estarán na Cabalgata, pois, lembraron, xa lles está a ser "imposíbel" cubrir "os operativos do día a día" nestes momentos. "Polo que, moi ao noso pesar, tampouco poderemos acompañarvos na festa desta xornada", sinala un portavoz do servizo no vídeo.

Vigo sen Bombeiros lamentou que "a xestión do Goberno local" volve producir unha situación "nunca vivida nos máis de 100 anos do servizo", e trasladou o seu desexo dunha "pronta resolución do conflito".

Os sindicatos e o comité de persoal do Concello de Vigo levan anos denunciando a falta de persoal neste servizo, que obrigou en reiteradas ocasións a fechar un dos dous parques de bombeiros da cidade. Os actos de protesta, incluída unha folga que durou case dous anos ou a recente 'devolución' simbólica da Medalla da Cidade ao Concello, non serviron para pór fin aos problemas e, de feito, o portavoz do Goberno vigués, Carlos López Font, acusounos recentemente de "deshonrar" á cidade —pola devolución da Medalla— e de actuar con "fins partidistas".

Pola contra, o persoal advirte que, se o Goberno local non adopta "medidas inmediatas" para paliar a falta de persoal, o mandato de Caballero "será lembrado como un período no que a seguridade e a eficacia do servizo foi comprometida dunha forma inadmisíbel e mesmo irreversíbel". "Conseguiu que, en poucos anos, pasemos de ser un servizo de referencia e orgullo a estar practicamente desmantelado", denunciaron a finais de decembro.

Comentarios