Os bombeiros comarcais rexeitan a oferta laboral das Administracións

Tan só concordan nos días de asuntos propios.
Mobilización dos bombeiros en Compostela (Foto: Eva Cid Rivas).
photo_camera Mobilización dos bombeiros en Compostela (Foto: Eva Cid Rivas).

Os sindicatos dos bombeiros dos parques comarcais contra incendios só aceptan un dos catro principais puntos da última proposta realizada a pasada terza feira pola Xunta da Galiza e as Deputacións para intentar pór fin á folga que manteñen desde o pasado mes de xuño.

En concreto, segundo un comunicado conxunto da CIG, de CCOO, de UXT, de Sibgal, de CSIF e de USO, "unicamente hai acordo nun dos catro puntos", o relativo aos días de asuntos propios cos que poderían contar: un total de seis anuais.

Os representantes do persoal xa trasladaron unha resposta escrita -un documento de sete páxinas- á Xunta e ás catro Deputacións despois da oferta presentada esta semana na última reunión decorrida no Consello Galego de Relacións Laborais.

Por outra parte, os representantes do persoal denunciaron esta sexta feira "coaccións" por parte da Deputación de Lugo, despois de que esta Administración acusase por segundo día consecutivo a varios traballadores de incorrer nun incumprimento dos servizos mínimos no parque comarcal de bombeiros situado na localidade de Vilalba.

Comentarios