Os bombeiros comarcais acamparán en Compostela e iniciarán unha folga de fame cando Rueda convoque eleccións

Acordan unha batería de medidas ante o "bloqueo" das administracións que inclúen levar o seu caso a Fiscalía, Defensor do Pobo e inspección laboral

Protestas dos bombeiros ante a Deputación da Coruña (Foto:: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Protestas dos bombeiros ante a Deputación da Coruña (Foto:: M. Dylan / Europa Press).

Os bombeiros comarcais, que levan en folga desde o pasado 15 de xuño, decidiron recruar as súas protestas ante a falta de avances na negociación con Xunta da Galiza e administracións. Entre outras medidas, comezarán unha acampada de forma indefinida en Compostela e anuncian que comezarán unha folga de fame en todos os parques como medida de presión no momento no presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, convoque as eleccións galegas.

A este acordo chegaron nunha asemblea realizada en Compostela, na que tamén se aprobou levar o seu caso ante a valedora do Pobo, o Defensor do Pobo e o Ombudsman da UE. Ademais, denunciarán ante Fiscalía a situación ocasionada polos 450 peches de parques nos últimos meses, así como alertarán a inspección laboral de todas as irregularidades como paso previo a unha demanda xudicial polas carencias neste aspecto.

Nun comunicado, o comité de folga critica o "bloqueo" de Xunta e Deputacións para alcanzar avances. Os bombeiros aprobaron, por unanimidade, unha solicitude formal de cesamento do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, por "estar a bloquear e distorsionando a información que traslada aos responsables políticos dos consorcios provinciais de bombeiros".

Así mesmo, advirte que se fará "un seguimento das axendas" dos líderes políticos das entidades que conforman os consorcios provinciais.

Igualmente, os bombeiros avisan de que seguirán sen facer horas extra para evidenciar a falta de persoal. Sinalan que calquera traballador por quenda que non estea a facer labores establecidos como "servizo mínimo" poderá secundar a folga se así o decide.

Tampouco participarán en actividades formativas da Xunta ou deputacións. Xunto a isto haberá un fondo de continxencias a nivel galego participado por todos os traballadores.

Centenares de bombeiros comarcais en folga manifestáronse polas rúas de Santiago a pasada sexta feira nunha mobilización que terminou na praza do Obradoiro cun deles queimándose ao bonzo. Esta 'performance' contou con dous membros disfrazados do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, que foron os encargados de prender lume a un home vestido con traxe ignífugo.

Os bombeiros comarcais reclaman un convenio colectivo a nivel autonómico, maior dotación de medios técnicos e de recursos humanos, así como emprego fixo de acordo coa doutrina do Tribunal Supremo de xaneiro de 2022.

Comentarios