Bombeiros comarcais denuncian o peche de 7 parques hoxe e reiteran que o servizo no rural está "en risco"

O colectivo constatou que, con estes peches, están inoperativos "máis da cuarta parte dos parques dos Consorcios Provinciais"
Mobilización dos bombeiros esta sexta feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización dos bombeiros en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Os bombeiros comarcais, que están en folga desde hai meses, volveron denunciar a través dun comunicado que a falta de persoal segue obrigando ao peche constante de parques e, na xornadadesta quinta feira, pecháronse sete deles: Santa Comba, Arzúa e Ribeira; Vilagarcía e O Porriño; Chantada e o parque de Verín.

O colectivo constatou que, con estes peches, están inoperativos "máis da cuarta parte dos parques dos Consorcios Provinciais" por falta de persoal. Ademais, engadiron que, na provincia de Ourense, o parque de Valdeorras está aberto cun persoal "baixo mínimos" de só dous efectivos.

Segundo denunciaron, esta situación ocorre "sen que ningún dos máis de 450 bombeiros que prestan servizo nos Consorcios estea a facer uso do seu dereito á folga", o que pon de manifesto que "sen a vontade dos traballadores" para facer horas extraordinarias "o servizo non se sostén".

Respecto diso, volveron insistir en que o aumento de persoais é "imperioso", e subliñaron que os traballadores están "a cumprir rigorosamente" cos seus calendarios laborais, que contemplan a carga máxima horaria que permite o Estatuto dos Traballadores (1.800 horas ao ano).

Nese sentido, reiteraron que as dotacións de persoal son "totalmente insuficientes" para garantir a prestación dun servizo esencial para a cidadanía, e para realizar un traballo "que garanta unhas condicións mínimas de seguridade para as vítimas e para os propios rescatadores". Así, volveron a incidir en que a prestación do servizo nas comarcas do rural está "en risco"

"Instamos os veciños de todos os municipios das comarcas afectadas a que extremen as precaucións e que, se aínda así, por desgraza, tivesen que facer uso do noso servizo, non dubiden en denunciar, reclamar ou presentar demanda por unha atención deficiente ou tardía. Como cidadáns, todos temos dereito a que se nos brinden uns servizos esenciais de calidade", conclúe o comunicado dos bombeiros comarcais.

Comentarios