A avogacía de oficio denuncia o "ninguneo" da Xunta ante a súa "situación desesperada"

A pesar de ter solicitado reunións co conselleiro de Xustiza, Diego Calvo, e co presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, ningún dos dous aceptou recibir ao colectivo, que realizará unha manifestación esta sexta feita, 16 de febreiro, en Compostela.
A portavoz de Venia na Galiza, Rosa Lozano (Foto: Nós Diario).
photo_camera A portavoz de Venia na Galiza, Rosa Lozano (Foto: Nós Diario).

Os avogados e as avogadas de oficio levan en folga desde o 21 de novembro de 2023, e aínda que si conseguiron manter contactos para solucionar a súa situación cos Ministerios españois de Xustiza e traballo, así como coa Comisión de Xustiza do Congreso estatal, o colectivo, segundo denuncia, sofre o "ninguneo" da Xunta da Galiza, que ten as competencias nas condicións de traballo do sector. 

Desta maneira, a pesar de ter solicitado reunións co conselleiro de Xustiza, Diego Calvo, e co presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, ningún dos dous aceptou recibir ao colectivo. Por este motivo, realizarán unha manifestación esta sexta feira, 16 de febreiro, que partirá do Parlamento da Galiza, en Santiago de Compostela.

"Queremos que nos recoñezan a nosa natureza xurídica, que somos traballadores e traballadoras", explica a portavoz de Venia na Galiza, Rosa Lozano. "E que se nos paguen todas as actuacións que estamos obrigadas a facer na quenda de oficio. Non se nos paga nada por estar de garda durante 24 horas nas cidades grandes ou durante unha semana enteira nos pequenos municipios", denuncia.

"Ás veces temos que facer varias apelacións na defensa dunha persoa, e só se nos aboa unha", engade a portavoz do sindicato do sector da Xustiza. "Todas estas cousas fan que a día de hoxe realizar a quenda de oficio signifique perder cartos", afirma.

"Non podemos seguir poñendo dos nosos ingresos de clientes particulares para soster a existencia dun servizo para que a xente poida ter acceso á Xustiza. Estamos nunha situación desesperada na que ou perdemos un servizo público recollido na Constitución ou se realiza un cambio", asevera.

Abandono do servizo

"Hai compañeiros que se están dando de baixa porque non poden seguir mantendo o servizo", denuncia. "Cando estamos de garda non é só que perdamos diñeiro, e que se temos que facer unha intervención cun detido noutro municipio, nin sequera nos pagan o desprazamento", sinala.

"Durante unha entrada de rexistro dun domicilio, na que hai que estar co detido, ao mellor son 12 horas de traballo, e páganche 20 euros. Por un procedemento penal que pode durar entre tres e cinco anos para ser resolto pagase un total de 400 euros. Isto non pode seguir", conclúe Lozano.

Comentarios