Saúde

Autobaixa médica de tres días, a receita do Ministerio ao colapso da sanidade

A medida xa foi aplicada durante a pandemia da Covid-19
A ministra de Sanidade, Mónica García. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A ministra de Sanidade, Mónica García. (Foto: Nós Diario)

No seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) extraordinario que ten como obxectivo "unificar criterios" entre as Consellarías de Sanidade para a abordaxe dos "picos de virus respiratorios" que colapsan os centros sanitarios, a ministra de Sanidade, Mónica García, avanzou medidas como a volta á obrigatoriedade das máscaras ou a "autobaixa" de tres días. 

Trátase esta última, a autoxustificación das baixas de tres días en casos de enfermidade leve, dunha medida que xa está en estudo. Segundo a ministra, "non é necesario que se vaia ao médico e, non obstante, estamos dalgunha maneira obrigándoos [ao persoal traballador] a que vaian a por un parte. Esta é unha medida que xa se tomou noutros Estados", e que se basea na declaración responsábel durante os tres primeiros días. 

García recordou que é unha demanda "histórica" das profesionais sanitarias xa que evita "burocratizar máis aínda a Atención Primaria e colapsar aínda máis o persoal médico".

Desta maneira, todas as persoas que teñan algún síntoma só terían que chamar ao traballo para avisar da súa sintomatoloxía, pero non terían que enviar ningún parte médico nin xustificante os tres primeiros días. "Basta coa palabra para que a ausencia estea xustificada", explicou a ministra.

Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, referiuse esta segunda feira á proposta de García –que xa foi adoptada durante a pandemia da Covid-19 para evitar o contaxio deste virus nos centros sanitarios– como un "asunto delicado" que require o concurso de axentes como a da Seguridade Social, e que as "improvisacións non axudan". 

Comentarios