Atunlo propón un ERE na factoría do Grove que deixaría 136 persoas na rúa

A empresa sinala a importación sen aranceis como o principal problema.
Operarias na factoría conserveira de Atunlo no Grovem na comarca do Salnés (Foto: Atunlo).
photo_camera Operarias na factoría conserveira de Atunlo no Grovem na comarca do Salnés. (Foto: Atunlo).

A dirección da factoría de Atunlo do Grove (O Salnés) prevé que o expediente de regulación de emprego (ERE) proposto nas instalacións afecte 136 traballadores e traballadoras, máis de 90% persoal, composto por 149 empregados e empregadas.

Así o trasladou a compañía, segundo indicaron fontes sindicais, na primeira reunión sobre este asunto, que decorreu onte, despois de que a semana pasada a empresa trasladara a súa intención de realizar un ERE por "causas obxectivas de natureza económica e produtiva".

As mesmas fontes indicaron que no encontro, a dirección de Atunlo lamentou que a importación sen aranceis de lombos de atún procedentes de Asia é o principal problema da empresa, xa que o seu prezo é menor. "É algo que se viña vendo a nivel sectorial desde hai tempo", subliñaron os sindicatos, indicando que "cada vez se ten máis en conta o prezo e non a calidade".

A aplicación deste ERE suporía o fechamento da planta de produción, quedando só un responsábel das instalacións, seis persoas no almacén, un encargado de mantemento e outro de limpeza, ademais de catro traballadores na zona de fabricación de aceite e Omega 3.

As centrais sindicais solicitaron un plan de recolocación para o persoal, xa sexa noutras plantas da compañía (como a existente en Cambados, tamén no Salnés, onde traballan 200 persoas) ou en firmas externas.

ERTE de Fandicosta

A pesqueira galega Fandicosta e os sindicatos chegaron a un preacordo sobre as condicións do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) nas súas instalacións de Domaio, en Moaña (O Morrazo). Desta forma, o expediente durará tres meses (tres e medio menos que o exposto pola compañía) e  afectará un máximo de 69 persoas traballadoras (42 menos que as 111 que pedía a empresa).

Comentarios