Preocupación no Grove ante o ERE anunciado na conserveira Atunlo

Afectaría como mínimo a 16 traballadoras.
Operarias na factoría conserveira de Atunlo no Grovem na comarca do Salnés (Foto: Atunlo).
photo_camera Operarias na factoría conserveira de Atunlo no Grove (O Salnés). (Foto: Atunlo)

A dous días da xuntanza que constituirá a comisión negociadora do despido colectivo anunciado pola conserveira Atunlo, o comité de empresa da factoría do Grove (O Salnés) e o alcalde da localidade, José Antonio Cacabelos, fixeron esta segunda feira un chamamento á compañía para buscar en conxunto "a solución menos lesiva" para o cadro de persoal. 

"A día de hoxe non temos ningún tipo de información arredor de canta xente se vai ver afectada, nin de se a empresa ten viabilidade ou que plan de viabilidade ten", sinalaron desde o comité, a quen o día 14 Atunlo lle fixo chegar un correo no que anunciaba o proceso de despido. Unha maneira de proceder que, para o comité, é unha "auténtica falta de respecto".

O cadro de Atunlo no Grove é de 160 traballadoras, das cales, insisten as representantes do persoal, "non sabemos absolutamente nada de cantas se verán afectadas".

En todo caso, ao tratarse dun despido colectivo, o ERE afectaría como mínimo ao 10% do cadro: 16 operarias. Ao respecto, Cacabelos incidiu onte en "colaborar" para que o impacto na localidade "sexa o menor posíbel".

Comentarios