Fandicosta quere ampliar o preconcurso de acredores até o vindeiro 13 de abril

Os sindicatos demandan á Xunta transparencia e implicación no proceso.
Instalacións de Fandicosta (Foto: Nós Diario).
photo_camera Instalacións de Fandicosta (Foto: Nós Diario).

A pesqueira galega Fandicosta espera ampliar o seu preconcurso de acredores tres meses máis, até o 13 de abril, co obxectivo de formalizar todo o proceso de venda, segundo informaron esta cuarta feira a CIG, CCOO e UXT a través dun comunicado conxunto.

Segundo explicaron as organizacións, esta semana reuníronse con representantes da Xunta da Galiza, que posúe máis 12% das accións da firma. Na reunión, confirmouse que o "único camiño" é a venda da empresa.

Tras lamentar que non acudise ao encontro a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lourenzá, os sindicatos explicaron que solicitaron ao Goberno galego que tutele, participe e garanta o mantemento da actividade produtiva e todos os empregos.

"Reclamamos máis transparencia e implicación no proceso para coñecer de primeira man como avanzan as posíbeis solucións", engadiron os sindicatos, que indicaron que na actualización estase en fase de presentación de propostas de adquisición, que son confidenciais.

Sobre os prazos do preconcurso, que terminaría o 13 de xaneiro, previsibelmente ampliaranse até abril. A maiores, desde a Xunta explicaron que houbo interese para comprar por partes a unidade produtiva, mais só se contempla a venda conxunta de toda a unidade produtiva.

Respecto diso, fontes do Executivo galego confirmaron que xa se recibiron varias propostas e o prazo continúa aberto. Con todo, prevese que antes de Nadal se analicen e se fechen as ofertas que se produzan. 

O obxectivo é que a elixida non só se quede cos espazos físicos e as instalacións, senón que teña un plan de viabilidade "e sobre todo un plan de persoal" para os empregados e as empregadas.

Comentarios