A asemblea do cerco ratifica o pre-acordo

Os armadores recoñecen que ''non podiamos aguantar máis'' e xa non tiñan marxe de manobra após publicarse o reparto no BOE. Mais advirten que eses criterios só serán para 2014, non para 10 anos.

barcos cerco pesca
photo_camera Imaxe: @CercoGalego

A asemblea do cerco realizada en Portosín decidiu, desta vez si, dar o visto bon ao principio de acordo atinxido na terza feira, e tras cinco horas de reunión, coa Consellaría do Mar. A asemblea non estivo exenta de debate, mesmo con fortes críticas internas, mais finalmente os presentes optaron por aceptar o principio de acordo. Un pacto que non varía a cota de xarda que lle toca a Galiza, que o Ministerio mantivo inamovíbel desde un principio sen que a Xunta se involucrase para o variar. O que cambia é o reparto interno de Galiza do cupo entre os buques.

Por dicilo en palabras de Andrés García, da asemblea de cerqueiros, “os barcos que teñen máis cota de xarda teñen que ceder algo aos que teñen menos”. Ademais, o xurelo vai ter un plan de xestión conxunta. Hai armadores que recoñecen que esta proposta hai unhas semanas sería rexeitada de plano. “Pero a campaña está aí e hoxe (pola terza feira) o BOE publica o reparto de cotas”, apuntan.

O seguinte paso despois da decisión da asemblea vai ser unha nova xuntanza en Compostela coa Consellaría do Mar para puir e profundar nese principio de acordo, aceptado por maioría dos 120 armadores presentes (o sábado rexeitárase na asemblea por unanimidade un outro principio de acordo auspiciado pola Xunta).

O reparto do Ministerio de Pesca outorga a Galiza o 24,8% da cota de xarda para o Estado español, unhas 3.406 toneladas, malia ter unha frota de 153 buques. Euskal Herria ten 69 barcos cerqueiros, mais leva o 48,11% da cota. Cantabria pescará o 24% (ten 44 embarcacións que traballan con esta arte). E Asturies, con 11 barcos, o 3%.

Mais a conselleira de pesca asturiana xa anunciou que vai defender a postura da súa frota (que rexeita o reparto feito polo Ministerio) e que pedirá en Madrid outros criterios.

Comentarios