A CIG acusa Alcoa de pretender o fechamento da factoría da Mariña: "Segue na súa folla de ruta"

O sindicato chama á "mobilización do persoal unido".
Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A CIG considerou esta cuarta feira que "Alcoa segue na súa folla de ruta avanzando cara a un desenlace que cada vez ten máis semellanza ao acontecido na Coruña ou en Avilés [Asturias], que coa conivencia dos respectivos Gobernos, culminou co fechamento e co despece das factorías".

"A incidencia que unha situación semellante pode ter nunha comarca coma a da Mariña, cunha economía que depende na maior parte do motor que supón San Cibrao [o complexo industrial no municipio de Cervo que xestiona Alcoa], sería moito máis grave", sinalou o sindicato.

"Na CIG cremos firmemente que só a loita e a visibilidade que nos poden dar as mobilizacións dun cadro de persoal unido (principal e auxiliar) poden mover as vontades políticas que fagan factíbel unha solución", acrecentou a organización.

Propostas da CIG

Neste sentido, a central sindical propuxo "a creación da figura das empresas hiperelectrointesivas, garantir a máxima compensación por CO2 permitida pola Unión Europea, fixar unha bonificación directa na factura eléctrica de 30% para as actividades industriais e económicas, liberar das peaxes e dos cargos asociados ao transporte da enerxía pola proximidade dos centros de consumo aos centros de produción, e a activación dos PPA [contratos de compravenda de enerxía]".

Ademais, a central sindical solicitou "estudar todas as accións legais e institucionais que garantan o cumprimento dos compromisos por parte de Alcoa e buscar unha formula de intervención na porcentaxe necesaria no consello de administración (do mesmo modo que xa aconteceu con Telefónica)".

Declaracións dos Gobernos

Pola súa parte, o Goberno estatal e o Executivo galego incidiron na necesidade de que Alcoa aclare se vai vender a factoría de San Cibrao e se vai cumprir o acordo que asinou co persoal para manter a actividade.

Comentarios