Alcoa non se presenta á reunión convocada polo Ministerio

A multinacional estadounidense deixa plantados a comité de empresa, Xunta, Ministerio e posíbel comprador (Liberty House).

 

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informa de como vai a reunión (Carlos Castro/ Europa Press)
photo_camera O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informa de como vai a reunión (Carlos Castro/ Europa Press)

A xuntanza telemática a varias bandas convocada polo Ministerio de Industria para tentar evitar os despedimentos en Alcoa contou co ‘plantón’ dun dos actores principais: Alcoa, que deixou plantados ao resto das partes. Así o confirmaron a Nós Diario fontes da xuntanza.

Nas últimas horas o desacordo centrouse na pretensión da multinacional de parar as cubas, “unha proposta inasumíbel porque significa a morte da fábrica” para o comité.

Esta reunión fora convocada após a maratoniana xuntanza anterior.  "Como poden deixarnos aquí sós", pregúntábase o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, "cunha multinacional que se está rindo do Estado e a Xunta da Galiza", engadía.

É o resumo que fixeron desde a representación sindical da reunión de 28 horas nun estabelecemento hostaleiro de Lugo, a última segundo o calendario imposto pola multinacional norteamericana para finalizar o período de consultas para executar o expediente de regulación de emprego (ERE). Unha xuntanza que evidenciou a nula intención da empresa de deixar as cubas de electrólese funcionando para facilitar a transición da factoría, a través dunha posíbel venda.

O motivo do desacordo unánime do comité, segundo explica a Nós Diario Paulo Carril (CIG), foi a pretensión da multinacional de parar as cubas, "unha proposta inasumíbel porque significa a morte da fábrica". Para o lider sindical nacionalista "non é de recibo ningún acordo destas características, máis logo de que a empresa rexeitara todas as propostas que se fixeron durante todo o período de negociacións e, nomeadamente, nestes últimos días".

Presión ás Administracións para que actúen

A empresa abandonaba o lugar da reunión deixando aos membros do comité exhaustos despois de tantas horas non sen antes entregarlles a acta de desacordo das consultas do ERE coa intención de volver ás 13:30 horas. Zan denunciaba ao remate da reunión que se senten "abandonados polas Administracións" nun momento tan importante e malia as "moitas advertencias, moitos ultimátums, mais a empresa segue facendo o que lle dá a gana", censuraba. "Aquí ten que vir alguén e actuar xa", sentenzaba.

O sindicalista amosouse molesto polas advertencias da Xunta a Alcoa para que non actuara de mala fe. "Máis mala fe que esta?" preguntábase, "A que teñen que chegar estes? Teñen que acabar torturándonos tamén?", clamaba. Tamén tivo palabras para o Goberno español cando chegou a sinalar que "hai semanas que dixo que lle daba un ultimato" a Alcoa para que vendese, mais "a empresa segue facendo oídos xordos" xa que "o principal para ela é parar as cubas e aplicar un ERE ou un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), dálle igual, porque sabe que sería un despedimento en directo ou en diferido" por ese motivo aseguraba que "é unha auténtica vergoña como se está comportando connosco tanto a empresa como as autoridades".

Pouco despois destas declaracións do comité de empresa sabíase que a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, convocaba  mesmo pola tarde a mesa multilateral de Alcoa na que ademais dos interlocutores habituais -Goberno español, Xunta, empresa e comité- estaría presente Liberty House, a multinacional británica interesada en adquirir as factorías de aluminio de San Cibrao (Cervo).

Á espera do resultado desta xuntanza, que sería telemática, Alcoa e comité pospuxeron a sinatura das actas do final do período de consultas do ERE para a quinta feira.

Porén, Alcoa non se presentou a esa cita.

Comentarios