Alcoa mantense na intransixencia

A última reunión do período de consultas do ERE entre comité e Alcoa mantivo durante todo a xornada de onte a postura intransixente da multinacional de parar as cubas. A empresa fixo unha proposta de última hora mais que mantiña a parálise das cubas e a reunón acabou sen acordo
O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informa de como vai a reunión (Carlos Castro/ Europa Press)
photo_camera O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informa de como vai a reunión (Carlos Castro/ Europa Press)

Remata o período de consultas do ERE de Alcoa sen acordo, por decisión unánime do comité. Avanzada a madrugada confirmábase o desacordo entre o comité de empresa e representantes de Alcoa nunha xuntanza que se iniciaba as nove da mañá de onte e que continúa aínda, tras máis de 24 horas reunidos. O motivo do desacordo unánime do comité: a pretensión da multinacional de parar as cubas, “unha proposta inasumíbel porque significa a morte da fábrica”.

Así o explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen afirma que “non é de recibo ningún acordo destas características, máis logo de que a empresa rexeitara todas as propostas que se fixeron durante todo o período de negociacións e, nomeadamente, nestes últimos días”.

Neste intre elabóranse as actas coas que se formaliza o peche definitivo do período de consultas.

Casa

"Isto é Lugo, estamos na casa e a presión ten que ser para eles", aseguraba o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, dirixíndose ás traballadoras e aos traballadores que acudiron ao recinto onde se convocou a última reunión do período de consultas que Alcoa puxo enriba da mesa para realizar un expediente de regulación de empresa (ERE) que afectaría 534 persoas de maneira directa e outras tantas polas auxiliares da multinacional. "Defenderemos os nosos postos de traballo até o último minuto", sinalaba Zan antes de entrar á reunión. 

O comité de empresa chama "ladróns" a Alcoa

"Tivemos unha reunión bastante tensa", aseguraba o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan no descanso da xuntanza cara o mediodía. Na reunión, segundo Zan, demostraron que "tecnicamente a parada ordenada das cubas é moi difícil, por non dicir imposíbel", en relación a unha das propostas da multinacional norteamericana.

Segundo o comité se se fai doutra maneira, coa parada absoluta de inicio, daría pé á "inviabilidade dun proceso de venda" polo que cren que o que fai Alcoa é "torpedear ese proceso de venda". Zan indicaba que "se paran as cubas pasará o mesmo que nos resto das plantas" polo que esta proposta forma parte dun "proceso fraudulento".

Apuntaba que a propia Xunta deixoulle claro á empresa que ten que deter o proceso de ERE e sentarse a negociar co comprador e coas Administracións galega e española. O responsábel do comité de empresa afirmaba que o Goberno español ten que "paralizar o proceso e liderar todo" polo que "teñen que coller a estes señores e dicirlles que hai 20 anos se lles regalou unha fábrica que estaba funcionando 100% e non a poden deixar tirada por pezas". Segundo Zan, Alcoa ten que deixar San Cibrao "nas mesmas condicións que atoparon para que outro, se quere continuar, poida facelo". 

Ao remate das declaracións acusou a Alcoa de ser "ladróns que veñen a desfacer a industria deste país" polo que afirmaba que "de aquí non sairemos até que non consigamos unha solución" e engadía que "despois do 4 de agosto que acabaría o proceso vén o 5  e logo o 6 e seguiremos fabricando, seguiremos loitando". Ao remate desta edición de Nós Diario continuaba a reunión en Lugo entre comité e Alcoa, co límite horario da medianoite, cunha nova proposta por parte da empresa enriba da mesa que estaban a valorar os responsábeis sindicais das factorías de San Cibrao.  

Alcoa podería incorrer en fraude de lei se fai o ERE

A presentación da proposta de Liberty House ás Administracións española e galega mais ao comité de empresa días antes de rematar o período de consultas do ERE podería dar pé a unha denuncia ou a unha intervención das factorías como solicitan os sindicatos. A multinacional británica informou ao comité que levaba dous meses en conversas coa dirección de Alcoa polo seu interese ne San Cibrao. "Actuaron con mala fe por ocultar estas conversas con Liberty House", asegura a Nós Diario Vitor Ledo (CCOO), "e tamén por non facilitarlles datos do que pode ser o custo da operación, non é unha transacción normal", engade. Por este motivo Ledo cre que "hai fraude de lei por non avaliar a proposta". 

Paulo Carril (CIG) explica a Nós Diario que o interese de Liberty House pola factoría de aluminio da Mariña "indica que San Cibrao é rendíbel e Alcoa mentiu" polo que "non ten sentido que mantiveran a intransixencia do ERE cando hai un posíbel comprador en firme".

O papel das Administracións estes días

Na reunión da pasada segunda feira co comité de empresa Liberty House informou que estes días mantiveron contactos coa Administración española. Segundo fontes presentes na xuntanza a multinacional asegurou que "co Ministerio de Industria houbo moitas palabras mais poucos compromisos". Algo semellante ao que aseguran aconteceu en Transición Ecolóxica "malia que deberían estar interesados porque veñen cun proxecto serio de instalar durante tres anos unha planta de ecoxeneración para autoabastecerse". 

Polo seu lado a Xunta da Galiza solicitoulle ao Ministerio de Industria documentación das actuacións levadas a cabo Goberno español para poder fundamentar con máis detalle o expediente do ERE, información relativa a incumprimentos na concesión de axudas por parte de Alcoa e as súas posíbeis obrigas de devolucións en caso de aplicar ERE. Así como todos aqueles requirimentos que evidencien que o custo de pechar é maior que retirar ou ampliar o dito ERE.

Comentarios