O persoal de Alu Ibérica pide á Audiencia Nacional asumir a tutela das plantas

Os traballadores das plantas de Alu Ibérica na Coruña e Avilés veñen de solicitar como medida cautelar ante a Audiencia Nacional a tutela xudicial das factorías. Á marxe da Xustiza, o persoal insiste en acordar coas administracións unha folla de ruta para garantir o futuro da compañía e a continuidade dos postos de traballo.
Furgón policial ás portas da factoría de Alu Ibérica na Coruña (M.Dylan / Europa Press).
photo_camera Furgón policial ás portas da factoría de Alu Ibérica na Coruña (Foto: M.Dylan / Europa Press).

Após o rexistro ordenado pola Audiencia Nacional e levado a cabo pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional a pasada quinta feira, os traballadores plantas de Alu Ibérica na Coruña e Avilés solicitaron onte ao Xulgado de Instrución número 3 a tutela xudicial das factorías como medida cautelar.

Segundo explicou o presidente do comité de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, a Nós Diario, "pediuse de maneira expresa e urxente o amparo xudicial ante a Audiencia Nacional pola investigación que se está levando a cabo, porque existe risco de fuga e porque hai delitos que se denuncian o suficientemente importantes para tomar esta medida".

Co recorrido xudicial xa iniciado, após presentar unha querela ante o fiscal Anticorrupción contra varios directivos das empresas propietarias e o inicio das investigacións por parte da Audiencia Nacional, o que preocupa os traballadores é a falla dun plan industrial de futuro para as factorías. 

"Entendemos que a tutela da planta ten que estar agora mesmo no ámbito xudicial, debería ir por eses roteiros, mais esa solución xudicial non nos dá a solución industrial, e nós o que estamos demandando é esa folla de ruta que garanta o emprego e o futuro das plantas, e para iso teñen que estar as administracións", indicou López Corbacho.

Neste senso, avanzou que xa teñen citada a Xunta e o Goberno estatal, tamén as administracións locais, para definir esa folla de ruta que "máis aló do ámbito xudicial nos permita saír desta situación". "Imos seguir coa saída industrial, e para iso necesitamos unha mesa de traballo entre as administracións e a parte social, a representación dos traballadores", engadiu. 

Nesa mesa de negociación non sentaría de momento ningunha das empresas implicadas. "As empresas xa están na mesa que elas buscaron, que é a dos xulgados. Que paguen o que teñan que pagar", dixo o representante sindical, para quen as administracións tampouco están exentas de culpa. "Son tan responsábeis como poden ser as empresas nestes momentos desta situación, porque tiñan a obriga, polo acordo que se asinou no seu día, de vixiar, a través da mesa de seguimento, como ía o proceso industrial. Se estamos nesta situación é porque ese control non se fixo realmente", apuntou.

O papel da SEPI

En opinión do representante sindical, a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), á que xa pediron en máis dunha ocasión a intervención das plantas da Coruña e Avilés, "pode ter un papel importante se o xulgado considera que, como organismo oficial do Estado, xestione a planta mentres non haxa unha resolución".

Outra saída sería que a SEPI se fixese responsábel das plantas ao devolverllas Alcoa "nunha situación como a de hai dous anos para atrás". "Se se demostra que aquí todo o mundo vulnerou os acordos está claro que haberá que facelos cumprir, e sobre todo que cumpran a súa responsabilidade con nós [os traballadores] e as plantas. Despois, habería que sentar a negociar esa solución de futuro, pero todo isto son conxecturas", aclarou. 

En calquera caso, os traballadores piden que a sua situación se resolva "o antes posíbel" para traballar na saída industrial coas administracións. "Ten que ser unha decisión política. Foino sempre e agora máis que nunca", insistiu o representante dos traballadores da Coruña.

Do lado da Xustiza

López Corbacho, ao igual que o resto dos traballadores, non ocultan a súa satisfacción polo operativo policial. "Alégranos e imos colaborar con este tipo de actuacións", anunciou. "O que queremos é que se saiba a verdade, e para iso teñen que pasar xornadas como a de onte [por esta quinta feira]. Cando levan un operativo a este nivel, estatal, imaxino que non se fai só con suposicións, senón porque hai uns indicios grandes e razoábeis ou xa se está en proba de que hai presuntos delitos moi graves que se están a cometer".

Respecto da situación da empresa sinala que "o deterioro é grande", por iso incide na necesidade de pór xa en salvagarda o futuro das plantas. "Iso ten que ser a base, incluso embargar as empresas que están a participar nesta presunta estafa e engano tremendo e pór en salvagarda o interese das plantas para que teñan esa continuidade a futuro, por iso se solicita esta medida cautelar", argumentou.

"Cremos na Xustiza, queremos a verdade e temos a razón [...]. Contamos con informes que avalan a nosa postura, co cal non temos medo ningún", concluíu o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña.

Comentarios